A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.
A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas «a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar». Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. «Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego».
Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. «Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas», expresou Peón.
A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou «a necesidade de tecer redes e comunidade», así como co desexo de que «este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes».
As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.
O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia.
23