O pasado domingo, 6 de outubro, unha hora antes do partido Deportivo-Almería e baixo o lema: « Fóra ás casas de apostas dos nosos barrios», varios colectivos veciñais e sociais manifestáronse moi preto do estadio de Riazor para plantar cara á ludopatía. Dando así visibilidade a un problema de graves consecuencias e que afecta, cada día, a xente máis nova.
Ao mesmo tempo tiñan lugar outras protestas en diferentes cidades da xeografía española, sendo a de Madrid, con 1500 persoas, a máis numerosa. Ás toas podemos destacar que o gasto da poboación galega en xogos e apostas creceu un 27%, ademais, o 34% dos casos de ludopatía aparecen en menores de 18 anos. Producíanse, por tanto, as primeiras reaccións da sociedade civil ante un problema que se está convertendo nunha perigosa secuela, unha nova droga chamada casas de apostas en liña, anunciadas por xornalistas, deportistas e famosos. As cales contan con locais moi preto dos centros de ensino. Con consecuencias nefastas, tanto por provocar enfermidades como por arruinar vidas.
Como non podía ser doutra maneira, xorden opinións contrarias en quen considera desmedida esta reacción de protesta, ao considerar a liberdade da adulto coartada. A pesar de todo, a realidade é que existe un máis que evidente risco de ludopatía, capacidade de xerar adicción con familias esnaquizadas. Por conseguinte, seica non debemos protexer deste risco ao individuo, máxime cando se trata dun menor, moito máis vulnerable e fráxil?. Non debe poñerse freo a esta pasividade e reaccionar eficazmente?.
Destacar que na Estratexia nacional sobre adiccións 2017-2024, aparecen, como novidade, as adiccións sen substancia. Facendo fincapé nos xogos de aposta (presencial e en liña). Recoñecendo a falta de datos e advertindo da importancia que está a adquirir nos últimos anos. Trátase, por tanto, máis dun problema de saúde pública que dun problema de liberdade do individuo. O Defensor do pobo recomenda prohibir toda publicidade de xogo e apostas en medios coa excepción de loterías e ONCE. Mentres, hoxe en día sucede todo o contrario. Asistimos, impasibles, a un bombardeo medido, estudado e sistemático deste tipo de publicidade. Baste sinalar que nos descansos dos partidos de fútbol, a metade dos anuncios son de casas de apostas. Se a isto engadímoslle, unha estratexia de márketing agresivo, orientado aos máis novos ergo máis vulnerables, aderezado co protagonismo de famosos, heroes do deporte, xornalistas e persoas con moita influencia na sociedade nos devanditos anuncios, o coctel molotov está servido.
A percepción do perigo queda anulada e prodúcese unha falsa conciencia de actividade inocente, a cal, curiosamente, tamén realizan os nosos modelos de comportamento social, os nosos referentes, quen sen pudor algún, cóntannolo e anuncian nos medios. Para máis inri, equipos admirados, respectados e moi queridos como o Real Madrid, cunha proxección global, chegárono a publicitar na súa camiseta. O rumbo para atallar o problema deber ser fixado por expertos e políticos, pero tamén é competencia da sociedade, que debe reaccionar. Como xa empezou a facer coas primeiras protestas, baste citar o comentado exemplo na Coruña, complementado ademais, nas últimas semanas cun labor divulgativo, advertindo dos perigos da adicción.
Axudaría en grao sumo, a existencia dunha conciencia cidadá contraria á publicidade dos famosos das devanditas casas de apostas. Como aspectos positivos destacar os pasos na boa dirección que se están tomando, por exemplo, en equipos como a Real Sociedade de San Sebastián que decidiu non levar publicidade de casas de apostas. Iniciativas públicas, como en Italia onde en 2018 prohibiuse a publicidade dos xogos de azar. Xa dentro do noso país e recentemente, en Euskadi, onde non se permite esta publicidade en tv e radios públicas. No campo da política, resaltar propostas como a da existencia dunha limitación de polo menos 200 m destas casas con respecto aos colexios, en Estremadura, ou á de Madrid, de 100 m pero que algúns partidos queren ampliar a 500m.
A pesar de todo, queda moitísimo por facer, e os pasos dados son aínda moi curtos, sobre todo no marco lexislativo, onde se pode e débese ser moito máis proteccionista, garantindo a saúde pública. Ademais, non debemos caer na inxenuidade e ter claro que estamos ante un negocio extraordinario que move miles de millóns ao ano. Só en España a cifra é de 13.000 millóns e subindo dunha maneira exponencial e imparable. Segundo datos de Facenda estamos #ante 3 millóns de contas activas e case un millón e medio de xogadores activos. Cifras que se corresponden coas apostas legais, se a isto sumámoslle as ilegais, o mal é aínda peor, pois alcanza a corromper o deporte e á sociedade en xeral (exemplo: o caso Oikos).
En definitiva estamos #ante un problema novo, de consecuencias e datos de recente coñecemento e que afecta á saúde, á economía e á sociedade. Con pinceladas de cuestionamento ético e, nalgúns casos, consecuencias penais.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO