Street view incorporará unha representación virtual do Camiño Francés


Este traballo está impulsado pola empresa lucense Ceres Ingeniería co obxectivo de obter unha representación virtual do Camiño Francés entre Pedrafita do Cebreiro e Santiago de Compostela e difundir as imaxes a nivel global a través do servidor de mapas de Google.

Consiste na representación virtual do Camiño mediante a captación de imaxes panorámicas en 3D e xeoreferenciadas, empregando sofisticadas cámaras dotadas de sensores GPS de alta precisión, do mesmo xeito que as que se montan en vehículos, para a realización de Street View (ferramenta que permite visualizar unha ubicación mediante fotografías panorámicas a pé de rúa).

Para iso, os promotores fan o percorrido a pé, o que lles permite chegar a localizacións ás que non se accede en coche e incorporar contido novo que actualmente non está dispoñible para visitar de xeito virtual con Street View. Ademais, ofrece a posibilidade de engadir comentarios, fotografías e etiquetas.

O proxecto desenvólvese na parte do traxecto que discorre por territorio galego, que comprende os municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela.