O accidente ocorreu uns minutos despois das 18:00 horas deste domingo. Polo que comentaron varios particulares que contactaron co 112 Galicia, un coche saírase da vía, a SC-20 sobre o quilómetro 2, e fórase contra un dos piares da ponte de San Marcos. Ademais, os ocupantes non eran capaces de saír do turismo. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santiago e á Policía Local. A dotación de bombeiros empregou o material de excarceración para liberar ás dúas vítimas, duns trinta anos, que serían trasladadas en ambulancia ata o hospital clínico de Santiago en estado grave.
Un incendio deixa dúas persoas trasladadas na Estrada
O primeiro aviso que se recibiu no 112 Galicia por mor deste incendio tivo lugar pouco despois das 13:00 horas deste domingo. Segundo indicou o alertador, comezara a arder un sofá eléctrico nunha casa na Veiga da Braña, na parroquia de Rubín. Con esta información, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do GES da Estrada, da Garda Civil e da Policía Local. Logo de que o lume fose sufocado, os servizos de emerxencias indicaron que chegaran a arder dous sofás e que o teito quedara afectado polo fume. Ademais, foi preciso informar ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pois dúas persoas inhalaran fume logo de sufrir este incendio. Ambas foron trasladadas.