A IX Carreira Popular do Apóstolo, organizada pola Asociación Cultural Adro de Vilaño, xa supera as 600 persoas inscritas cando aínda restan varios días para o peche do prazo. A organización confía en superar a barreira das 1.000 persoas inscritas na pasada edición.
O evento celebrarase o sábado 18 de xullo en horario de tarde e incluirá unha carreira absoluta de 7 km, probas de menores, Andaina Solidaria de 3,5 km en beneficio de Cáritas e da Asociación Española Contra o Cancro, xogos infantís, masterclass de Salsation e pinchos de balde ao remate.
As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 15 de xullo a través de www.carreirasgalegas.com e tamén de maneira presencial no centro de adestramento Tempo, na Casa da Cultura da Laracha e na Piscina Municipal. O prezo é de 7 euros para as categorías absolutas e a Andaina, mentres que as probas de menores son gratuítas.
No plano deportivo, entre os corredores inscritos destaca Amador Pena, candidato a estar na loita polos primeiros postos da clasificación absoluta, Fernando Vázquez ou Toñito Pardiñas. Na categoría feminina xa están apuntadas Vanessa Hervada López, Geli López Vilas ou Patricia López.
Desde a organización destacan o bo ritmo das inscricións e confían en que a IX edición sexa a máis multitudinaria ata a data, situándose por enriba das 1.000 persoas rexistradas.