Talesien e The Cerne Revival Band actuarán no  I Concerto Rock Concello de Malpica

2 minutes read

A Concellería de Turismo e Festexos, que dirixe Alfredo Cañizo, vén de presentar a 1ª edición do Concerto Rock Concello de Malpica. O vindeiro sábado 10 de xuño na Praza Villar amigo, a partir das 23.00 horas, os/as asistentes/as poderán gozar da boa música coas actuacións dos grupos Talesien e The Cerne Revival Band, dúas bandas de música galegas de gran relevancia no xénero rock. 

The Cerne fórmase no ano 2005, coa intención de lembrar vellos tempos musicais; uns amigos que habían percorrido e formado parte dalgún dos grupos pioneiros de pop-rock en Carballo (Helium, Tramites, Distrito 15100, Meigasfora, etc). A idea era pasalo ben, ensaiando basicamente unha serie de temas versionados de grupos que gustaban a cada un dos compoñentes e aos poucos crear temas propios ou recuperar algún dos versionados en anteriores grupos, sempre mantendo un estilo homoxéneo baseado na música dos 70 / 80 dos grandes xenios (Dire Straits, Gary Moore, Police, Pink Floyd, etc.)

A formación actual é a seguinte: Lara e Fani (voces solistas e coros), Guillermo (guitarra solista e coro) Joaquín (batería), Fran (baixo e coro), Manolo (teclados) e Jaime (guitarra rítmica). Desde os comezos da formación, as colaboracións, tanto instrumental como de voces, foron unha tónica que se utilizou para diversificar o contido das versións, como nalgunha ocasión a incorporación das Cantareiras de Verdillo, Entrelas, ou Aldair Dous Santos, no Garufa Club A Coruña. Ultimamente contan coa colaboración do seu amigo Juan Carlos Lema ao saxofón, para varios temas que interpretan como tributo á banda Creedence Clearwater Revival.

Talesien.

Con máis de vinte anos de historia na trincheira musical, o grupo Tálesien xa se gañou un lugar destacado na escena do heavy-metal hispano. Son cinco discos ás súas costas e numerosos concertos. Despois dun lustro do seu último LP, a banda con base de operacións na Laracha gravou dous novos temas nos estudos Pouland de Ames no 2021. A produción correu a cargo de Iago Pico. Un deles, Obsesión, conta cun vídeo clip dirixido por Ana Scast e Iago Vilarinho. Obsesión está composto por Javier García, Juan Carlos Cotelo, Macaco, Ismael Vidal e Anxo Silveira.