Os dous axentes veñen de ser nomeados pola Academia Galega de Seguridade para ocupar as prazas convocadas polo Concello de Carballo polo sistema de mobilidade, e este martes tomaron posesión do cargo nun acto ao que asistiron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; o secretario do Concello de Carballo, Miguel Piñeiro, e os oficiais José Luis Caamaño e Pedro José Cancela.
Con estas incorporacións, o equipo de profesionais da Policía Local queda formado por 23 axentes e 4 oficiais, ademais dos auxiliares que prestan servizo ao longo do ano. Nestes momentos está pendente o nomeamento dun terceiro axente, xa que na convocatoria do Concello de Carballo figuraba unha terceira praza polo sistema de oposición libre. A outra praza que falta ata completar as 25 que integran o plantel da Policía Local corresponde a unha axente que está traballando noutro concello en comisión de servizos.
O alcalde desexou aos novos axentes unha longa carreira profesional no concello e que teñan pouco traballo, porque iso sería sinónimo de benestar e tranquilidade para toda a cidadanía. O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, destacou que o incremento do persoal permitirá reforzar a presenza dos axentes nas rúas e, en consecuencia, mellorar o servizo á cidadanía.