Tradicional mal comezo do ano para o emprego

3 minutes read

Como é tradición, o inicio do ano sempre reflicte unhas cifras negativas no relativo á creación de emprego. E este 2020, non ía ser unha excepción. Cunha caída de 244.044 persoas, estamos ante a maior baixada de afiliación neste mes desde 2013. A cifra queda fixada en 3,25 millóns de parados. A pesar destas cifras negativas, o número de cotizantes á Seguridade social continúa por encima dos 19 millóns.

Pero, por que é Xaneiro tan mal mes para o emprego?

Por unha banda asistimos ao fin de moitos contratos temporais, principalmente nos sectores de hostalería e comercio polo miúdo. Por outra banda conclúen tamén moitos compromisos laborais que se circunscriben ao ano natural. Ao que hai que engadir o arrefriado económico.

Continuamos coa tendencia de creación de emprego, concretamente un 1,83% máis que no mesmo mes do exercicio anterior, pero coa condición de que, por primeira vez desde verán do 2014, é por baixo da marca do 2%.

Debemos sinalar que as cifras son coincidentes no tempo co Consello de ministros do goberno de coalición de Sánchez, onde se aprobou a subida do SMI (salario mínimo interprofesional) a 950 euros/mes, tras un acordo coa patronal e os sindicatos. Xunto coa revalorización das pensións do 0,9% e a subida do soldo dos funcionarios un 2%.

Se buscamos o positivo atopámolo nos números relativos á desestacionalización. Ao eliminar dos datos brutos as subidas e baixadas propias das campañas turísticas, comerciais ou agrícolas, observamos que continúa subindo a afiliación. A tendencia de 6 anos de recuperación do mercado laboral prosegue e a súa inercia non se detén. Ademais, o número de afiliados en xaneiro é o máis alto da serie neste mes. Con todo, no haber negativo destaca que aínda hai un longo camiño ata chegar á liña dos gráficos que establecían menos de 2 millóns de parados, 1,8 millóns e un 7,9% no 2007, durante a antesala da crise.

Lonxe quedan tamén os 6,2 millóns de parados, 27,2% do 2013, cifra récord na nosa economía actual. Aínda así, pouco consolo é para os parados, tanto os mozos en busca do seu primeiro emprego como parados de longa duración, así como aqueles que quedan nas pavías da idade, nin nova nin vello, cunhas peculiaridades e dificultades características.

Destacar a precariedade e inestabilidade como unha característica reseñable nos últimos anos. En España asínanse cada ano 20 millóns de contratos, moitos deles de moi curta duración. Ademais sobe o gasto en prestacións por desemprego. Os servizos públicos de emprego (antigo INEM) tiveron un 2,1% máis de solicitudes en decembro de 2019, que no mesmo mes do ano anterior (2018). Asi como os beneficiarios de prestacións por desemprego que soben un 7%, de decembro do 2018 a decembro de 2019.

O goberno, sexa da cor que sexa, ha de ter como prioridade a creación de emprego, e que este sexa de calidade. Para iso deberá fomentar as políticas que sexan necesarias neste sentido, acabar coa precariedade e a inestabilidade.

Sacar á xente do drama do paro é o máis urxente, devolvendo dignidade e acometendo os esforzos que sexan pertinentes para acabar coa secuela do século XXI. Priorizar partidas orzamentarias neste sentido e limitar gastos superfluos, dunha vez, sería un magnífico comezo.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?