O Coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, emitía este luns un comunicado afirmando que a loita fratricida entre os aeroportos galegos (A Coruña, Santiago e Vigo) por conseguir pasaxeiros está a facer que o vencedor sexa, nin máis nin menos, que o aeroporto do Porto-Francisco Sá Carneiro. O aeroporto do Porto convértese no ‘coloso’ do noroeste peninsular e ‘cómese’ aos tres aeroportos galegos. A terminal galega que máis podería competir con Sá Carneiro, por dimensións, sería o Aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro. O aeródromo compostelán manexou o ano pasado un total de 3,6 millóns de pasaxeiros, segundo os datos do informe anual de Aena. Polo que queda moi lonxe de Sá Carneiro. Santiago leva máis dun ano perdendo voos e pasaxeiros. Vigo ten momentos de perdas e outros de ganancias. Coruña máis do mesmo. Na actualidade, o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro ten unha oferta de voos internacionais limitada. Ademais, o aeroporto experimentou unha diminución na oferta de voos internacionais en comparación con anos anteriores. E todo isto, debido aos egos dos nosos políticos que no canto de pensar no ben común de todos, só pensan en competir e gañar roteiros ao prezo que sexa, co fin de seguir alimentando os seus egos. Por tanto, é normal que con todo este panorama político que temos en Galicia, sexa O Porto quen salga beneficiado de todo isto. Ao mesmo tempo, os portugueses non deixan nada ao azar, e o seu proxecto de conexión de Alta Velocidade ten previsto facer unha estación na terminal do Porto-Sá Carneiro, o que facilitaría aínda máis aos pasaxeiros galegos o acceso á terminal. O futuro dos nosos tres aeroportos, pasa por crear unha comisión seria, enfocada a coordinar os intereses e necesidades de ambos os aeroportos.
Desde UCIN expoñen unha serie de iniciativas:
Aumentar a oferta de voos internacionais:
Poderíase buscar a colaboración de aerolíneas para ampliar os roteiros internacionais e, posiblemente, ofrecer voos directos a destinos máis afastados.
Mellorar a infraestrutura:
Implementar melloras na terminal, como aumentar a capacidade de espera, as tendas e restaurantes, e facilitar os trámites de inmigración e aduana.
Promocionar o aeroporto:
Realizar campañas de márketing para dar a coñecer a oferta do aeroporto a nivel internacional, especialmente nos mercados turísticos con maior interese por Galicia.
Facilitar a conexión co resto do mundo:
Asegurar que o aeroporto teña conexións eficientes con outros aeroportos e medios de transporte, tanto para chegar ao aeroporto como para viaxar desde el.
Buscar acordos con outras empresas:
Potenciar a colaboración con empresas turísticas e hostaleiras para ofrecer paquetes turísticos que inclúan voos internacionais e outros servizos.
É importante que se tomen medidas para aumentar a oferta e mellorar a calidade dos servizos ofrecidos no aeroporto, para que sexa máis atractivo para os viaxeiros internacionais, concluía Calo.
13