A Unidade de Patoloxía da Voz, Voz Profesional e Deglución do Hospital HM Rosaleda traballa desde fai máis de seis anos no tratamento multidisciplinar de todo o relacionado coas cordas vocais e a voz. Foi pioneira na sanidade privada e segue sendo unha das poucas que existen, pese ao incremento de pacientes que demandan os servizos destes expertos.
Unha demanda que aumentou aínda máis nas últimas semanas, tal como explica o Dr. Javier Lage, director da Unidade e otorrino especializado en patoloxía da voz e voz profesional. “En HM Rosaleda levamos tres anos estudando os efectos do esforzo vocal en grupos de risco, como docentes e cantantes, e detectamos que a incidencia de patoloxías ou queixas sobre problemas de voz multiplicouse desde o uso das máscaras”, explica o responsable da Unidade.
“Tendo en conta que o uso de máscaras é fundamental para o control da pandemia, é necesario ser consciente e cuantificar as alteracións que poden provocar na voz co fin de incrementar os coidados da nosa larinxe e previr abusos vocais prexudiciais”, indica o Dr. Lage.
Para iso a Unidade de Voz de HM Rosaleda realizou un estudo específico sobre como inflúe o uso de máscaras á voz. As primeiras conclusións evidencian unha importante diminución da calidade da voz con todos os tipos de máscaras, que é máis relevante nas tipos FFP2 e KN95. “Este tipo de respiradores provocan unha maior atenuación da intensidade da voz e unha importante distorsión do son, o que leva a alteracións subxectivas máis intensas e menor calidade de vida relacionada coa voz”, indica o estudo. En cambio, as máscaras cirúrxicas supoñen menor alteración e requiren menos esforzo vocal, sobre todo en persoas con necesidades de uso intensivo.
Ademais das numerosas queixas que relataron os pacientes (un 94% presenta polo menos un síntoma relacionado co uso de máscaras), o estudo detectou alteracións acústicas obxectivas, como unha atenuación da intensidade de case 4 dB de media e unha distorsión do son e un empeoramento dun 18% na comprensión- inteligibilidad da voz que, no caso das KN95 e FFP2 pode chegar ata un 45%. E no Voice Hándicap Index, o cuestionario validado máis utilizado para o estudo das alteracións da voz, o 100% dos pacientes empeorou a súa valoración de calidade vocal.
Incrementar os coidados
Os expertos da Unidade de Voz do Hospital HM Rosaleda inciden na necesidade de aumentar os coidados, sobre todo profesionais que fan un uso vocal agresivo e persoas con hábito vocal inadecuado. Entre as recomendacións destaca a hidratación abundante, o repouso regular, quecemento previo e evitar gritar, fumar ou estar en ambientes irritantes.
Dependendo da máscara utilizada e as necesidades, os pacientes que usan a súa voz para a súa profesión (especialmente os docentes), poden requirir de axudas técnicas que melloren a compresión e diminúa o esforzo vocal.
Reforzo cunha nova logopeda especialista en voz
Para dar resposta ás necesidades xurdidas desta nova situación sanitaria e a todas as que xa existían, o Hospital HM Rosaleda reforzou a Unidade de Voz coa incorporación dunha nova profesional, que se suma ao equipo multidisciplinar, formado por dous otorrinolaringólogos e un audiólogo. Trátase de Noelia X. Geada, logopeda especialista en voz e cantante, dous aspectos que lle confiren “un coñecemento extra de todo o relacionado coas cordas vocais e a voz, especialmente no ámbito profesional”, explica.
Noelia Geada é graduada en Logopedia pola Universidade da Coruña e conta con posgraos en Patoloxía da Voz e Especialización en Rehabilitación e Perfeccionamento da Voz Profesional Falada e Cantada, entre outros títulos. Posúe, ademais, experiencia profesional en centros sanitarios, como o Hospital Ramón e Cajal de Madrid.
A súa integración no equipo do Hospital HM Rosaleda supón un “paso decisivo xa que esta Unidade de Voz é un referente na sanidade e son moi poucos os hospitais públicos ou privados que contan cun servizo especializado deste nivel”, asegura a nova logopeda. Noelia Geada destaca tamén o carácter multidisciplinar do traballo en HM Hospitais que permitirá non só tratar moitas patoloxías senón traballar en prevención, algo que considera esencial “para evitar complicacións e ter recorrer a solucións máis invasivas, como poden ser cirurxías”. Así mesmo, o seu coñecemento e experiencia como cantante permitirá implementar “un servizo de atención a profesionais que queren mellorar a súa voz con clases de técnica vocal e mesmo oratoria, como falar en público, etc.”, sinala a experta.
Desde a Unidade de Voz de HM Rosaleda destacan a importancia de “visibilizar e concienciar sobre a necesidade de coidar a voz, unha ferramenta que utilizamos cada día case desde o mesmo momento de nacer e á que, en cambio, apenas se presta atención”. E inciden en que se consulte calquera cambio ou molestia (disfonías ronquera, asubíos, etc.) antes de que se converta nunha patoloxía máis grave. Para iso o HM Hospitais pon ao dispor de toda a poboación unha Unidade de Voz pioneira e de referencia que leva máis de seis anos tratando problemas de voz da poboación galega.