Un total de 88 proxectos disruptivos focalizados no sector aeroespacial e dos vehículos non tripulados optan a entrar na 4ª edición da Business Factory Aero (BFAero). Trátase do mellor rexistro obtido nas catro edicións do programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
Así o manifestou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, durante unha visita realizada á empresa UAV Instruments en Pontevedra. Esta compañía especializada en ofrecer solucións innovadoras no sector dos vehículos non tripulados, participou coa súa plataforma Cíes Solar no itinerario de aceleración da 3ª edición da Business Factory Aero.
Trátase dun vehículo aéreo non tripulado (UAV) de ala fixa deseñado e fabricado integramente en Pontevedra, que destaca pola súa autonomía de voo, que chega ata as 10 horas grazas aos paneis solares situados nas súas ás. A participación na BFAero permitiulles ampliar as súas capacidades operativas en áreas como a detección temperá de incendios, o apoio aos corpos e forzas de seguridade do Estado en operacións especiais ou a localización de persoas extraviadas. Tamén se aplicará na prestación de servizos a empresas privadas, como a vixilancia e inspección de oleodutos e liñas eléctricas.