Eliana Ventura Ferreira retornou a Galicia grazas a unha bolsa de Excelencia Mocidade Exterior – BEME para cursar un máster na Universidade de Vigo; posteriormente puxo en marcha o seu negocio nas Neves, Ventura Language Center, solicitando unha axuda ao retorno emprendedor que tamén se viu apoiada despois a través da iniciativa de mentorización Merlo que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración para os galegos que retornan e queren potenciar de xeito exitoso o seu negocio na nosa comunidade autónoma.
As Axudas para o Retorno Emprendedor parten dos 6.000 euros (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.
Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.