A mesa redonda As mulleres teñen a palabra resultou un éxito dende todos os puntos de vista. Nela púidose escoitar a catro carballesas que despuntan en profesións masculinizadas, mulleres preparadas, feministas e referentes para as novas xeracións. A xefa do parque de bombeiros de Carballo, Catú Vilariño; a empresaria Mercedes Fraga; a enxeñeira informática Verónica Bolón e a letrada da Xunta de Galicia Patricia Iglesias, coa colaboración da regueifeira Lupe Blanco, que realizou un extraordinario labor como presentadora e moderadora, deron unha lección de vida que ben podería formar parte do currículo escolar. Con esta mesa redonda, que se complementou cunha sesión vermú amenizada polo dúo Black Acoustic e na que intentaron facilitar a conciliación poñendo a disposición das persoas asistentes unha ludoteca na que pasaron unha entretida mañá máis de vinte nenos e nenas, abriuse o programa do Día da Muller, que se prolongará durante as vindeiras semanas con propostas divulgativas e, sobre todo, formativas.