Unha persoa falecida e outra ferida nun accidente de tráfico no lugar de Viro, no concello de Outes

1 minutes read

O parque provincial dos Bombeiros de Boiro interveu, na mañá deste xoves, nun accidente de tráfico que se produciu en Outes e no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida. O persoal do parque recibiu, ás 06.08 horas, un aviso no que se informaba da saída de vía dun vehículo no lugar de Viro, á altura do número 30, no concello de Outes. Segundo a información proporcionada, o coche impactara contra unha vivenda da zona e as persoas que viaxaban no mesmo non respondían. 

Á súa chegada ao lugar, o acompañante que viaxaba no automóbil, de 26 anos, estaba xa sendo atendido por unha das ambulancias localizadas no punto. Pola súa parte, os bombeiros procederon a realizar a excarceración do condutor xunto ao GES de Noia. Para iso, retiraron a porta e realizaron a extracción do seu corpo, certificándose finalmente o seu falecemento, un varón veciño de Muros de 30 anos de idade.