USO denuncia cara o 8M na Costa da Morte: “Muller tiñas que ser”

3 minutes read

Como cada 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desde a Unión Sindical Obreira (USO) conmemoran a loita das mulleres que conquistaron dereitos a través da resistencia, da organización e das loitas históricas.
Este ano queren poñer o foco nunha frase que moitas mulleres escoitaron demasiadas veces ao longo da súa vida: “Muller tiñas que ser”. Unha expresión cargada de estereotipos e roles de xénero utilizada para desprestixiar ou desacreditar ás mulleres.
Desde USO responden con claridade: “Si. Muller. Libre, forte e organizada.”
Porque ser muller segue sendo, aínda hoxe, sinónimo de desigualdade, discriminación e trato diferenciado en moitos ámbitos da vida, especialmente no mundo laboral.
A desigualdade laboral segue presente
No mercado laboral galego as mulleres seguen sufrindo maior parcialidade, maior precariedade e menores salarios.
Sectores como o comercio, os servizos, a limpeza, os coidados ou a atención á dependencia —todos eles esenciais para o funcionamento da sociedade— están altamente feminizados e continúan caracterizándose por contratos precarios, salarios baixos e escaso recoñecemento profesional.
Na provincia da Coruña, por exemplo, existen sectores con gran presenza feminina nos que os salarios seguen situándose en niveis modestos. No sector do comercio de alimentación, as táboas salariais sitúan os soldos entre aproximadamente 1.153 e 1.487 euros mensuais segundo grupo profesional, con salarios anuais entre 17.309 e 22.306 euros.
REVISION C ALIMENTACIÓN
Para USO, estes datos reflicten unha realidade clara: moitos dos traballos que sosteñen a economía e a vida diaria están feminizados, pero continúan infravalorados.
Desigualdade tamén na industria conserveira
A industria conserveira, moi vinculada a economía mariñeira galega e presente en diferentes zonas da costa, é tamén un dos sectores máis feminizados.
En moitas fábricas a maioría da plantilla está formada por mulleres, especialmente nas tarefas relacionadas coa transformación e manipulación do peixe.
Dende USO adverten que neste sector existen funcións que son realizadas tanto por homes como por mulleres, pero ás traballadoras recoñéceselles en moitos casos unha categoría salarial con menor remuneración, malia desenvolver tarefas equivalentes.
Esta situación xera unha brecha salarial indirecta, xa que o salario final depende da categoría profesional recoñecida e non necesariamente do traballo realmente realizado.
A carga dos coidados
Ademáis, as mulleres seguen asumindo a maior parte das responsabilidades familiares e de coidados.
Os sectores relacionados cos coidados —axuda a domicilio, atención á dependencia, traballo do fogar ou intervención social— están entre os máis feminizados e tamén entre os máis precarizados.
Desde USO recordan que os coidados sosteñen a sociedade e a economía, pero continúan recaendo maioritariamente sobre as mulleres, o que limita o seu desenvolvemento profesional e económico.
Por iso reivindicamos corresponsabilidade real, políticas públicas que garantan a redistribución dos coidados e unha implicación efectiva dos homes.
A acción colectiva como resposta
Ante esta realidade, desde USO defenden que a resposta debe ser colectiva e organizada.
A acción sindical é fundamental para denunciar estas desigualdades e transformalas. A negociación colectiva e os plans de igualdade deben ser ferramentas reais de cambio nas empresas e non simples requisitos formais.
Por iso reclamamos tamén máis recursos para a Inspección de Traballo, que permitan garantir o cumprimento efectivo das normas de igualdade.
Este 8 de marzo, desde a Unión Sindical Obrera reivindican:

  • emprego digno
  • salarios xustos
  • pensións suficientes
  • igualdade real no traballo
  • unha vida libre de violencias

Porque sabemos que moitos dos dereitos conquistados polas mulleres están hoxe ameazados por correntes políticas e sociais que pretenden retroceder décadas en igualdade.
E por iso, cando alguén diga “Muller tiñas que ser”, responderemos con orgullo:
“Si. Muller. Libre, forte e organizada.”, Conclúen.