Val do Dubra acolleu a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, que estivo reunida co alcalde, Diego Luis Díaz Méndez; do tenente alcalde, Antonio Negreira Noya e da concelleira María del Carmen Vilacoba Mourelle. Trala xuntanza, visitaron dúas das obras financiadas co Plan Único, que este ano destinou un total de 857.297,51€ a este concello, que forman parte dos 125 millóns que se destinan aos 93 concellos da provincia nesta fase inicial, sendo «a principal ferramenta de financiamento local» tal e como sinalou a deputada.
García Rey puxo en valor a «rapidez» de Val do Cubra na execución dos proxectos do Plan Único nos últimos anos, así como a «importancia» que ten para os municipios máis pequenos, como neste caso. «O Plan Único é esencial para mellorar as condicións dos nosos concellos, especialmente dos máis pequenos e rurais» sinalou, «e poder ver como grazas a el, os veciños e veciñas contan, por exemplo, cun pavimento que mellora o seu día a día substancialmente, é un gran orgullo, porque ese é, en esencia, o fin deste plan».
Cristina García tamén sinalou a importancia do plan para outros gastos municipais, pois «permite financiar servizos básicos municipais a través do gasto corrente, ofrendo aos concellos un alento económico para afrontar as elevadas competencias impropias que veñen asumindo nos últimos anos, cada vez máis.»
Ademais, tal e como expuxo a deputada, o Plan Único «é tamén un importante impulso para a economía local, ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados. Deste xeito, ademais de asegurar a execución de obras necesarias, tamén se fortalece o tecido empresarial local, xéranse oportunidades de emprego e contribúese a fixar poboación».