Vieiro continúa coa súa programación preventiva dentro do ámbito escolar

3 minutes read

A asociación Vieiro continúa coa súa programación preventiva dentro do ámbito escolar nos centros educativos da comarca de Bergantiños co alumnado de educación primaria a través dos programas de prevención de condutas adictivas: “O labirinto das emocións” para alumnos/as de 1.º e 2.º de EP “Na horta cos meus amigos/as” destinado ao alumnado de 3.º e 4.º de EP e “Creando Saúde” cuxa poboación beneficiaria son os/as alumnos/as de 5.º e 6.º de educación primaria.

Entre os centros de educación primaria que están a levar a cabo estes programas están: Ceip “Milladoiro” de Malpica, Ceip de Zas, Ceip de Bormoio-Agualada, Ceip “Otero Pedrayo” de Laracha, CPI Plurilingüe “Cabo dá Area” de Laxe, CPI “Alcalde Xosé Pichel” de Coristanco.

Con “o labirinto das emocións”, a asociación Vieiro traballa a prevención de condutas de risco desde idades máis temperás a través do coñecemento das emocións, favorecendo así os factores de protección fronte a condutas ou situacións de risco.

Este programa está composto por contos acerca das 5 emocións básicas: noxo, alegría, tristeza, ira e medo. Trátase de que os/as máis pequenos/as aprendan a expresar correctamente as súas emocións, que falen do que senten, e a partir de aí comprender que eses sentimentos son compartidos polos seus compañeiros/as e que existen diferentes formas de reaccionar ante eles.

O obxectivo do programa “Na horta cos meus amigos/as” é contribuír á maduración psicoafectiva, á adquisición de hábitos de saúde e benestar e ao comezo dun traballo preventivo sobre condutas de risco en etapas máis temperás.

Este programa está composto por 8 sesións de 55 minutos cos seus respectivos contos protagonizados por hortalizas, contos que relatan situacións persoais que requiren unha solución e que son similares ás que viven os/as nenos/as nesta etapa evolutiva.

Neles trabállanse diferentes temas: os medos, as burlas, os prexuízos, a discriminación, as mentiras, as trampas, os celos, os castigos inxustos, as diferenzas físicas e culturais, a presión de grupo, a resolución de problemas e a identificación de emocións, entre outros.

O programa “Creando Saúde” que consta de 3 bloques, ten como obxectivos:

1.- Bloque 1: “Constrúe”: proporciona aos alumnos/as as habilidades necesarias para o desenvolvemento da súa vida diaria

2.- Bloque 2: Ti elixes: facilita información sobre as distintas substancias adictivas ás que os nenos/as poden ter acceso.

3.– Deas-conecta: dota de coñecementos básicos para a utilización das novas tecnoloxías dun modo saudable e responsable

Este programa consta de 9 sesións cunha duración aproximada de 55 minutos cada unha e periodicidade é semanal.

Ambos os programas son impartidos polas profesionais: Dalila Biscaíño Regueira (pedagoga), Lara Periscal Taibo (psicóloga), Iria Villar Cancela (educadora social) e Fany Xesto Mallo (psicóloga).

A asociación Vieiro agradece a excelente disposición de todos os centros educativos, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustro de profesores/as para poder levar a cabo estes programas.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?