Vieiro pon en marcha unha campaña de sensibilización nas festas de Carballo

1 minutes read

A asociación Vieiro, dentro da súa programación no ámbito comunitario e xuvenil, en colaboración co Concello de Carballo, pon en marcha unha campaña de sensibilización, concienciación e prevención de calquera tipo de agresión sexual e violencia mediante a sumisión química por introdución de sustancias aditivas na bebida co obxectivo de previr este tipo de agresións e gozar das festas nun ambiente seguro, de respecto e libre de violencias machistas.

A campaña que ten como lema: QUE NON TE ANULEN: A SUMISIÓN NON É DIVERSIÓN. É AGRESIÓN, ten como finalidade identificar situacións potenciais nas que a poboación poida anticiparse a consecuencias mediante a utilización de elementos sinxelos que permitan diminuír o risco.

Os materiais que forman parte da campaña da asociación Vieiro para previr as agresións sexuais e a violencia mediante a sumisión química, son tapavasos protectores de bebidas que se distribuirán gratuitamente a través do punto violeta. Os tapavasos en forma de coleteiros, son bandas elásticas que se utilizan para recoller o pelo que contan cun pequeno peto cunha tapa elástica no que hai un orificio para introducir unha cana. Axústanse á superficie de vasos e copas quedando deste modo protexidos e dificultando que alguén introduza sustancias non desexadas na bebida.

A iniciativa levarase a cabo durante as festas patronais de Carballo, onde a entidade distribuirá na carpa do Punto Violeta, que habilita o Concello de Carballo, estes e outro materiais preventivos para tratar de concienciar e previr as agresión sexuais. Este punto será atendido por profesionais especialistas en igualdade con formación específica, sendo os/as encargados/as de dar atención e apoio, así como contactar cos corpos de seguridade e servizos de emerxencias, se fose preciso.