A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este mércores a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns na que destacou “o seu labor a prol da actividade marisqueira”. Un encontro que segundo explicou “serviu para analizar os resultados das actuacións realizadas durante este exercicio” e “poñer en común a situación actual, tanto da agrupación como dos bancos marisqueiros que xestionan”. A responsable autonómica subliñou a importancia da colaboración da Xunta co sector marítimo-pesqueiro que, no caso desta entidade, materializouse na execución de iniciativas ao abeiro das diferentes liñas de axuda autonómicas.
Villaverde, acompañada pola directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e o alcalde de Cabana, José Muíño, explicou que a agrupación foi beneficiaria nos últimos tres anos dos apoios destinados ao reforzo e mellora da xestión dos recursos da pesca costeira artesanal e ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, por un importe conxunto de máis de 230.000 euros. Tamén puxo en valor o traballo desta entidade, que agrupa a 30 traballadoras, no ámbito da comercialización e promoción dos produtos pesqueiros, “co berberecho como máximo protagonista”.
Nesta liña, subliñou o importante papel que xogan estas organizacións sectoriais no deseño de medidas eficaces de mellora das zonas produtivas e na posta en valor dos produtos do mar galegos, recoñecidos polo seu sabor e calidade. Unha liña de traballo que esta agrupación complementa coa aposta pola diversificación da actividade mediante o desenvolvemento doutras accións como o ecoturismo, ofrecendo visitas guiadas nas que divulgan a riqueza do seu oficio, do patrimonio natural e da cultura marítima da zona.
A titular de Mar da continuidade con esta visita a súa ampla axenda de encontros ás confrarías e agrupacións de toda Galicia. O obxectivo destas xuntanzas é abordar os aspectos singulares da actividade extractiva de cada zona así como reforzar o constante diálogo co sector no marco da cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade.

O alcalde de Cabana, José Muíño, recibiu á conselleira do Mar, Marta Villaverde, e á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, para manter unha xuntanza con representantes da Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns._cedida.