Vimianzo adiántase á primavera cunha programación cultural de alto nivel

1 minutes read
  • O Concello mantén os compromisos cancelados no 2020 debido á crise do coronavirus

Volve a cultura ao Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo con seis espectáculos que se distribuirán entre os meses de marzo e abril. O Concello mantén os compromisos cancelados no 2020 debido á pandemia causada pola Covid-19 e ofertará unha programación que contará cun protocolo sanitario específico para garantir a seguridade dos traballadores, artistas, técnicos e público.

O prezo da entrada para todos os espectáculos é de 5 euros, aínda que haberá descontos para algúns colectivos. As representacións destinadas a adultos serán os sábados ás 20:30 horas e a billeteira abrirá unha hora antes do inicio do espectáculo.

O sábado 13 a compañía Ibuprofeno Teatro levará a Vimianzo o seu espectáculo O mel non caduca, dirixido polo recoñecido dramaturgo da escena galega Santiago Cortegoso. As seguintes semanas haberá tres eventos que destacan pola perspectiva de xénero e a promoción da igualdade. Así, o 20 de marzo Estudo Momento actuará con 1879. Casa de bonecas; o 27 será o turno de Insubmisión por parte de Teatro del Andamio e xa no mes de abril, concretamente o sábado 10, a compañía De Ste Xeito Producións poñerá en marcha a obra Feminíssimas.

O sábado 17 de abril estréase Conexión Pingüín no Auditorio de Vimianzo, aínda que esta semana os alumnos do IES Terra de Soneira xa puideron ver unha previa desta obra producida por Culturactiva Producións. Finalmente, o sexto espectáculo que oferta o Concello é A Peregrinaxe, do grupo de teatro Badius. Será o 24 de abril.

Todas as actuacións están cofinanciadas pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede Galega de Teatros e Auditorios AGADIC da Xunta de Galicia.