Vimianzo convoca unha nova edición do concurso infantil de Postais de Nadal

1 minutes read

O Concello comeza a quecer os motores para celebrar o Nadal 2025 por todo o alto. Faino, como cada ano, co lanzamento do concurso infantil de Postais de Nadal, co que busca fomentar a creatividade e o espírito destas datas entre a rapazada.

Baixo o lema ‘Vive o Nadal en Vimianzo’ o certame está dirixido a todos os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, que poderán presentar as súas creacións con técnica libre – agás purpurina, algodón ou tintas metálicas – en formato A4.

Os traballos deberán entregarse na Casa da Cultura, de luns a venres en horario de 10:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 13:00 horas. O prazo de presentación estará aberto dende este luns, 10 de novembro, ata o 15 de decembro.

Establécense catro categorías segundo o nivel educativo:

  • Categoría A: 4º, 5º e 6º de Educación Infantil
  • Categoría B: 1º e 2º de Educación Primaria
  • Categoría C: 3º e 4º de Educación Primaria
  • Categoría D: 5º e 6º de Educación Primaria

En cada categoría outorgaranse dous premios consistentes en material didáctico ou libros de lectura. Ademais, de entre os debuxos premiados o Concello seleccionará un para empregar como postal oficial de felicitación do Nadal 2025.

O fallo do xurado darase a coñecer o 21 de decembro, coincidindo coa entrega de premios, que se celebrará nun acto público na Casa da Cultura. Todos os traballos presentados permanecerán expostos na sala de exposicións Antón Mouzo durante as festas.