Xuntos Carballo M+J recolle multitude de queixas en canto ao CIM e a área de Servizos Sociais

Exif_JPEG_420

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto leva tempo recompilando numerosas queixas en canto á atención recibida na área de Servizos Sociais. Foron moitas as reivindicacións que lle chegaron á agrupación, en canto ao trato recibido por parte do persoal que asiste aos usuarios/as que ata alí se desprazan, para ser atendidos/as. Aínda que a valoración do servizo xurídico é bo ou moi bo noutros aspectos é moi mellorable por non usar outra clase de cualificativos, aseguran desde a formación municipalista.

“Asistimos novamente a outra dose de demagoxia duns defensores da clase traballadora que nada ten que ver coa realidade ,vendo a contía dos seus soldos mensuais, ou dun goberno autonómico e os seus representantes locais que son outra fraude máis na loita contra a pobreza. Cheques de alimentos, axudas para a electricidade, Risga…que requiren dunha burocracia interminable e cuxa resposta ante a vulnerabilidade de moitas familias é que acudan a Cáritas. Unha entidade que se ve desbordada ante tanta demanda de alimentos ou outras necesidades básicas, realizando o labor propio das administracións competentes, non pode facerse cargo continuamente da incompetencia dos poderes públicos. Doutra banda os fariseos do partido municipal gobernante que tanto se dan de agnósticos e contrarios á igrexa, grupos políticos devotos do día de San Xoán, ao que asisten para mostrar as súas ‘medallitas’ de representantes do pobo e demais aparato, que non fagan absolutamente nada por mellorar a vida dos pobres, desde logo merecen uns cualificativos deleznables”, sinala o portavoz da formación, Xesús Deus Gende.