A escritora e poeta Yolanda Castaño foi a encargada de inaugurar no IES Maximino Romero de Lema, en Baio, o Club de Lectura de Adultos cun obradoiro titulado Un paseo guiado pola poesía, unha actividade na que convidou ás persoas participantes a achegarse á poesía desde unha perspectiva próxima, cotiá e aberta á interpretación.
Ao longo do encontro, Yolanda incidiu na importancia de ler poesía, un xénero que, segundo explicou, continúa a ser pouco lido malia formar parte da nosa vida diaria de diferentes maneiras. «A poesía é unha arte que se fai con palabras», destacou, poñendo o foco na capacidade da linguaxe poética para expresar emocións, provocar reflexións e cuestionar a linguaxe imperante.
A poeta tamén convidou a descubrir a presenza da poesía máis alá dos libros. Así, lembrou que consumimos poesía nas letras das cancións e que tamén podemos atopala na linguaxe que empregamos diariamente, nas palabras e expresións coas que construímos e compartimos a nosa realidade.
Durante o obradoiro, a poeta destacou ademais o papel activo de quen le poesía. Nas interpretacións dun poema, explicou, «deixamos moito de nós», xa que cada lectura está condicionada pola experiencia, as emocións e a mirada propia de cada persoa.
A sesión incluíu tamén a lectura de varios poemas da súa obra Materia, que permitiron ás persoas asistentes achegarse directamente á súa creación poética e experimentar ese diálogo entre as palabras do poema e a interpretación de quen o le.
O encontro serviu así para inaugurar o Club de Lectura de Adultos cunha invitación a ler e descubrir a poesía desde novas perspectivas, reivindicando un xénero capaz de transmitir emocións, xerar preguntas e ampliar as posibilidades da linguaxe.
O centro educativo tivo un agradecemento especial a Yolanda Castaño por achegarlles á poesía, convidalos a mirala con outros ollos e descubrir todo o que as palabras poden contarnos e facernos sentir.
