Zas acollerá este sábado a presentación do libro ‘Que quede entre nós’ no marco do ciclo ‘Mulleres e territorio’

1 minutes read

O vindeiro sábado 18 de abril, o Centro Sociocultural de Zas acollerá a presentación do libro ‘Que quede entre nós’, da autora Josefa Suárez, nun acto que dará comezo ás 12:30 horas e contará con acceso libre e gratuíto.

Esta actividade enmárcase dentro do ciclo cultural sobre memoria e identidade ‘Mulleres e territorio’, inaugurado o pasado 28 de marzo polo Concello de Zas co obxectivo de poñer en valor o papel das mulleres na construción do territorio e na transmisión da memoria colectiva.

No acto de presentación participarán o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e a propia autora, Josefa Suárez, orixinaria do lugar de Vila, na parroquia zaseira de Meanos, quen compartirá co público as claves da súa obra e o proceso creativo que deu lugar a este libro.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia deste tipo de iniciativas culturais: “Desde o Concello seguimos apostando por promover espazos de encontro arredor da cultura, a memoria e a identidade, especialmente dando voz ás mulleres do noso territorio, que teñen moito que contar e achegar”.

Así mesmo, Muíño puxo en valor a traxectoria da autora: “É unha satisfacción contar con Josefa Suárez, unha veciña da nosa terra, que a través da súa obra contribúe a preservar e difundir a nosa historia e as nosas vivencias colectivas”.