2026 marcará un máximo histórico de persoas que se acercaron a coñecer o Museo Fernando Blanco de Cee

2 minutes read

No que vai de ano, e a piques de rematar a tempada estival, o número de visitantes ascende a 5.317 persoas, moi preto das 5.661 persoas do mellor ano en canto a visitas (2003). O Museo Fernando Blanco de Cee, ven de cumprir os 25 anos dende a súa apertura en 2001.


Polo que respecta á súa procedencia, un 38% foron galegos, un 53% nacionais e un 9% estranxeiros de diversa procedencia (maioritariamente portugueses e alemáns).


Tamén se superará o número de grupos que reservan con antelación recibir unha visita guiada pola exposición, pois a estas alturas de ano xa foron 43 grupos os que pasaron polo Museo, habendo 13 datas mais reservadas, superando así con claridade, ao final do exercicio, a mellor marca de 46 grupos do ano 2023.


Boa parte destas visitas en grupo ao Museo, situado na antiga Escola das Nenas da Fundación, foron reservadas polo Grupo Fianteira Turismo, con sede en Sanxenxo, que a través da súa Axencia de Viaxes InterRías e dentro do que denominan “Operativas CAM 2026 Rías Altas Costa da Morte”, traerá a Cee ao longo de todo o ano a preto de 1.500 persoas, dentro dun circuíto cultural de seis días no que, ademais da nosa vila, achéganse a outras localidades da contorna e de mais aló, como Santiago e A Coruña.


Nesta mesma semana, sen ir mais lonxe, recibimos 3 grupos, dous de Madrid e un de Burgos, sumando 140 persoas en total, que puideron coñecer a historia dun home altruísta e xeneroso que non dubidou en destinar a súa fortuna para que Cee se convertera nun oasis educativo e cultural inimaxinable no rural galego de finais do século XIX. Coñeceron tamén o seu impagable legado, o cal na actualidade seguimos desfrutando, felicitándonos por mantelo vivo e por transmitilo con paixón.


Denominador común a todas as persoas que nos visitan, e así no lo trasladan, é a sorpresa ao descubrir o capital labor da emigración galega, fundamentalmente na Arxentina e Cuba, no desenvolvemento da terra que os viu nacer e que nunca esqueceron, a pesares dos miles de quilómetros de distancia dela, así como tamén o avanzadísimo material didáctico co que contaba o Instituto Fernando Blanco xunto coas coleccións de material artístico (ourivería e pintura).


*As visitas guiadas é preciso concertalas con antelación no teléfono 981.74.72.21 ou no correo fundacioncee@hotmail.com.