A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Cee organiza a VI edición do Xantar Solidario, unha cita xa consolidada no municipio que cada ano reúne á veciñanza arredor da solidariedade e do apoio ás persoas afectadas polo cancro.
O evento celebrarase o vindeiro domingo 24 de maio, ás 14:00 horas, no Pavillón Deportivo Municipal de Cee. A recadación destinarase a impulsar a investigación oncolóxica, así como a soster os programas e servizos gratuítos de apoio e acompañamento que a Asociación ofrece a pacientes e familiares.
As entradas poden adquirirse no posto da Panadería Tahona das Travesas do Mercado Municipal de Cee e no Centro Social da localidade. A comida correrá a cargo de Casa Taboada.
Dende a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Cee agradecen a colaboración de todas as persoas, entidades e voluntariado que fan posible a celebración deste evento, destacando a importancia da implicación social para seguir avanzando fronte ao cancro.