670 persoas asistirán este sábado á festa-homenaxe aos maiores da Laracha

1 minutes read

Este sábado celebrarase unha nova edición da Festa-Homenaxe aos nosos maiores, a tradicional xornada de convivencia que organiza o Concello e que vai dirixida aos veciños e veciñas do municipio maiores de 55 anos, xubilados ou pensionistas, reunindo cada ano a centos de persoas nun ambiente festivo e de reencontro social.

Nesta ocasión está prevista a participación de 670 comensais, unha cifra que confirma a gran acollida desta celebración entre a veciñanza larachesa.

A apertura de portas nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís será ás 13:15 horas e a misa oficiarase ás 13:30 h. A continuación celebrarase o xantar, cun menú composto por polbo, carne asada e sobremesa.

O baile da tarde estarán amenizados coa actuación do Trío Tapioka. Ademais, ao rematar o xantar parte do alumnado da actividade “Baile en Liña” do programa municipal Saudables ofrecerá unha exhibición na que amosarán o resultado do traballo realizado ao longo de todo o curso. Na actividade participaran 70 persoas.

O Concello continúa apostando por este tipo de iniciativas como ferramenta para fomentar o envellecemento activo e contribuír á prevención da soidade non desexada entre as persoas maiores do municipio. A Festa-Homenaxe aos nosos maiores constitúe unha das actividades máis consolidadas do calendario municipal e unha oportunidade para compartir unha xornada de lecer, convivencia e relación social entre familiares, amizades e veciñanza.