A A.X. Xiradela de Arteixo celebrará este sábado o seu Festival de Música e Baile tradicional anual

3 minutes read

Logo de todo un curso practicando, aprendendo, e gozando da transmisión da nosa cultura tradicional, chegou o momento de expoñer todo o aprendido nestes meses. Xa está aquí o Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela. A cita terá lugar o sábado 20 de xuño a partir das 18:00 horas, ao aire libre e con acceso aberto a todo o público, no anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo.

Nesta xuntanza participarán 13 grupos de pandeireteiros/as, sete grupos de baile, e un grupo de gaitas e percusión formado por 20 persoas, todos eles coordinados por seis mestres. En total, a A.X. Xiradela reunirá unhas 135 persoas aproximadamente, para bailar, tocar e cantar pezas da nosa cultura tradicional.

É unha data moi especial, xa que para algunhas das persoas participantes será a primeira vez que actúen en público e amosen o seu compromiso por manter viva a nosa cultura ensaio tras ensaio durante todo o curso. A cativada é a que máis aplausos acostuma levar, non é para menos: son o futuro! Transmitir o saber popular de xeración en xeración é un dos obxectivos de Xiradela.


É unha xornada na que os membros desta asociación arteixá visten as súas mellores galas e consolidan o aprendido durante anos dentro de Xiradela con alegría e gozo ao poñer en común coplas e puntos. As prendas de roupa son outro elemento da nosa cultura que se conserva e coida neste colectivo e que darán colorido ao anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo na tarde deste sábado.


Para a A.X. Xiradela é un día para festexar o noso en comunidade, para compartir coa veciñanza arteixá, que acostuma a achegarse a desfrutar de ver as coreografías dos bailes, a escoitar tocar e cantar pezas recollidas en diferentes lugares de Galicia, pero sobre todo coa familia e amizades que son un público fiel a esta cita e que ateiga as bancadas do anfiteatro.

O Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela conta coa colaboración do Concello de Arteixo e da Deputación da Coruña, e nesta ocasión intégrase dentro das activades de Arteixoven, que organiza o Concello de Arteixo durante toda a xornada do sábado 20 de xuño.

QUEN É XIRADELA

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que lle permiten, por un lado difundir o seu traballo, e por outro, axudan a promover a socialización da rapazada con xente doutras asociacións.

Comezou impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliou ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, que pretende ser o máis fiel posible coa máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vén celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de maio. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore que alcanza a 38.ª edición neste ano 2026.

No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, e facilitar deste xeito o coñecemento da nosa cultura. A última edición foi a 26.ª