Segundo os datos do departamento de Planificación Urbana do Concello de Carballo, desde xaneiro de 2025 ata o peche do terceiro trimestre de 2026 presentáronse no Concello 142 comunicacións de inicio ou modificación de actividade económica e 16 solicitudes de licenzas para naves industriais no parque empresarial de Bértoa.
A evolución dos últimos anos reflicte a continuidade da iniciativa empresarial, con novos establecementos comerciais, proxectos industriais e actividades de servizos. Entre os investimentos en marcha destacan a implantación dun supermercado Aldi e dunha tenda da cadea Action na zona da Revolta, dous proxectos que contribuirán a ampliar e diversificar a oferta comercial de Carballo.
Ambas as actuacións, que figuran entre os expedientes urbanísticos tramitados durante o terceiro trimestre deste ano, constitúen novos exemplos do interese de operadores comerciais por establecerse en Carballo.
O alcalde, Daniel Pérez, destaca a importancia de que o municipio continúe atraendo novos proxectos empresariais: “A chegada de novas empresas é unha boa noticia para Carballo, porque amplía a oferta comercial, xera oportunidades de emprego e reforza o noso papel como centro económico e de servizos. O feito de que empresas de ámbito internacional escollan Carballo para investir demostra que o noso concello ten capacidade de atracción e potencial de crecemento”.
Un dos datos máis destacados da evolución recente corresponde ao ano 2025, que pechou con 95 comunicacións de actividade económica, fronte ás 51 rexistradas en 2024. O incremento foi do 86,3 %, o que sitúa o pasado exercicio como o segundo con maior número de solicitudes desde 2011.
Nos nove primeiros meses de 2026 presentáronse outras 47 comunicacións de actividade, que corresponden a diferentes sectores económicos e inclúen tanto o inicio de novos negocios como modificacións de actividades existentes.
Parque empresarial de Bértoa
A actividade industrial constitúe outro dos indicadores do dinamismo económico de Carballo. No 2025 presentáronse 11 solicitudes de licenzas para naves industriais, fronte ás 9 de 2024, mentres que nos tres primeiros trimestres de 2026 xa se rexistraron outras cinco.
A primeira fase do polígono, cunha superficie edificable aproximada de 285.000 metros cadrados, distribuída en 128 parcelas, supera o 90 % de ocupación. A segunda fase, cunha superficie de 718.000 metros cadrados, ten vendidas todas as súas parcelas.
Esta situación pon de manifesto a importancia de avanzar na ampliación do solo empresarial. A terceira fase proxectada, cunha superficie prevista de 443.000 metros cadrados, permitirá incrementar a capacidade do parque para acoller novos proxectos e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas.
O dinamismo empresarial tamén ten o seu reflexo nos investimentos que o Concello de Carballo está a realizar para mellorar as infraestruturas e os servizos do parque de Bértoa. Entre as actuacións municipais máis recentes destacan a instalación dunha báscula para vehículos pesados, a habilitación de casetas de servizos e a construción dun novo aparcadoiro público, que xa está listo para entrar en servizo, como puido comprobar o alcalde, Daniel Pérez, na visita realizada este mércores, xunto con varios membros do goberno.
Estas melloras forman parte do traballo municipal para reforzar a funcionalidade, a seguridade e a competitividade dunha das principais áreas empresariais da comarca.
