A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu este xoves a toma de posesión de María Luisa Boquete Pumar como secretaria xeral técnica do departamento, cargo no que releva a Marta Barreiro Castro. O acto celebrouse no salón de actos de Presidencia, no complexo administrativo de San Caetano.
Durante a súa intervención, Villaverde deulle a benvida á nova secretaria xeral técnica e referiuse á súa experiencia en xestión administrativa e económica e en dereito comunitario. “Móvenos o obxectivo común de procurarlle o mellor presente e futuro ó noso mar e ás xentes do mar”, afirmou a conselleira, que lle trasladou a súa confianza e o apoio do equipo do departamento nesta etapa. Tamén agradeceu a Marta Barreiro o traballo realizado e desexoulle sorte no seu novo cometido na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.
Licenciada en Dereito pola Universidade San Pablo CEU, con especialidade en Dereito Comunitario, María Luisa Boquete é funcionaria do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, e conta cunha ampla experiencia na Administración autonómica.
Desde xullo de 2024 desempeñaba o posto de subdirectora de Coordinación Económica da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Anteriormente foi secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación.
