A Coruña acolle desde este venres 16 ata o domingo 18 de outubro a WordCamp Galicia (#WCGalicia), o evento de referencia para profesionais, emprendedores, creadores de contido e estudantes do ecosistema dixital. A cita, que se celebra por primeira vez na cidade herculina, converterá a Facultade de Dereito da Universidade da Coruña no epicentro da innovación tecnolóxica, consolidándose como un fito estratéxico para o sector TIC galego grazas á participación de relatores locais e figuras internacionais procedentes de países como Alemaña, Bulgaria, Serbia ou Portugal.
A lo longo de tres xornadas intensivas, o congreso abordará os grandes retos e tendencias da contorna dixital actual. A programación combinará aprender dun xeito práctico e a acción solidaria do venres coa gran xornada central do sábado —onde se debaterá sobre o impacto da Intelixencia Artificial, os erros legais máis frecuentes en tendas online, a accesibilidade web universal e a saúde mental fronte á saturación dixital—, para culminar o domingo co Contributor Day, unha mañá de traballo colaborativo para mellorar de xeito altruísta o software de código aberto.
Axenda da xornada inaugural: formación desde cero e compromiso coas asociacións (venres 16)
A xornada inaugural comeza ás nove da mañá co desenvolvemento do obradoiro intensivo de iniciación a WordPress impartido por Fernando Tellado, deseñado para ensinar a crear un sitio web desde cero a autónomos, emprendedores e principiantes. Tras dúas horas de formación práctica, ás once da mañá farase un descanso para o café e abrirase unha sesión de preguntas e respostas para resolver as dúbidas dos participantes.
A partir do mediodía comeza a actividade central do día co arranque do do_action hackathon, un maratón solidario no que profesionais do sector traballarán en equipo e a contra reloxo para desenvolver de balde páxinas web reais para organizacións sen ánimo de lucro de Galicia. O traballo técnico estenderase ao longo de toda a mañá e a tarde, cunha pausa para o xantar, para retomar o desenvolvemento ás tres e culminar ás cinco da tarde coa presentación pública e entrega oficial dos proxectos finalizados ás entidades beneficiarias.
Sobre WordCamp Galicia
A WordCamp Galicia conta co apoio de referentes do sector como WordPress.com, Bluehost, WooCommerce e Hostinger, xunto con provedores de hosting e empresas galegas. A revelación do programa completo demostra a ambición dun evento que busca elevar o nivel técnico local á vez que fomenta o impacto social e o traballo en comunidade.
As entradas e o programa detallado por horas xa están dispoñibles na web oficial da WordCamp Galicia (galicia.wordcamp.org). A conversación segue activa nas redes sociais co hashtag oficial #WCGalicia.
0
