A Asociación de Nais e Pais A Granxa do CEIP Bergantiños, de Carballo, apoia á reivindicación das familias do centro que hai uns días denunciaron públicamente a falta de prazas de comedor escolar.
O colexio leva anos sufrindo un importante déficit de prazas no servizo de comedor escolar. A pesar de contar cunha matrícula de 575 alumnos e alumnas, segundo os datos correspondentes ao curso pasado, o centro ofrece tan só 150 prazas para o xantar, unha cifra claramente insuficiente para atender as necesidades da comunidade educativa. Para o curso 2026-2027 quedaron en lista de agarda 40 rapaces e rapazas.
A situación complicouse aínda máis para o curso 2026-2027 co cambio na normativa que regula o acceso aos comedores escolares. A instrución relega agora ao final da lista os alumnos e alumnas escolarizados nun centro distinto ao que lles correspondería por área de influenza. Non se ten en conta que, en moitos casos, a causa que levou as familias a optar por outro centro foi precisamente a necesidade de poder contar con servizo de comedor, ao carecer del o centro que lles correspondería por zona, maioritariamente o CEIP A Cristina. Trátase, polo tanto, dunha situación paradóxica e dificilmente xustificable.
En todo caso, desde a ANPA A Granxa queren denunciar que, unha vez máis, o problema radica na falta de vontade e compromiso para investir na educación pública. Solicitan ás autoridades que estuden a situación e adopten as medidas precisas para ampliar as prazas de comedor e favorecer a conciliación das familias afectadas. Tamén, piden ao Concello de Carballo que se implique na búsqueda de solucións a este problema.
