A asociación carballesa Vieiro recibe dúas subvencións da Consellería de Sanidade

2 minutes read

Unha da Dirección Xeral de Saúde Pública (Servizo de prevención de condutas adictivas) para a realización de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no campo da prevención na comunidade autónoma de Galicia durante o período trienal 2025-2028; e outra para o PAXS (Programa de Atención Xurídico-Social) da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria (SERGAS).

A sede da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela acolleu a firma do convenio entre o Servizo Galego de Saúde e a asociación Vieiro. O acto foi presidido polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e Almudena Díaz Pereira, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental, por parte de Vieiro acudiron as educadoras sociais da entidade, María José Dosil Parafita e Andrea Arán Loureiro, para levar a cabo a firma do convenio para a realización do programa PAXS asignado a esta entidade. A contía asignada para levar a cabo este programa durante o ano 2026 é de 8.164 euros.

O obxectivo principal deste convenio é renovar o servizo que Vieiro vén prestando desde hai anos a persoas con adiccións e a familias para atender as demandas xudiciais que teñan pendentes, así como procesos administrativos, civís ou sociais facilitando os medios humanos e materiais que sexan necesarios.

Doutra banda, Vieiro recibe a subvención da Dirección Xeral de Saúde Pública desde o Servizo de Prevención de Condutas Adictivas. A subvención, en réxime de concorrencia competitiva, está destinada á realización de programas para fins con carácter sociosanitario, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no ámbito da prevención en Galicia durante o período trienal 2025-2028. A cantidade outorgada á asociación Vieiro polo proxecto presentado para estes tres anos, ascende á cantidade de 134.344,20 euros.