O concello da Laracha súmase á campaña de verán “Un alento de vida” que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán. Para facilitar a colaboración dos veciños e veciñas deste municipio coruñés, unha unidade móbil da Axencia efectuará, ao longo das vindeiras xornadas, as seguintes visitas:
MÉRCORES 22 DE XULLO: unidade móbil na Praza do Concello, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas.
XOVES 23 DE XULLO: unidade móbil na Praza de Caión das 16:00 ás 18:30 e no campo da feira de Paiosaco das 19:00 ás 21:00 horas.
Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
Colaboración fundamental
A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Elevar a participación
A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas da Laracha que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio coruñés acadou, con 587 doazóns, unha taxa de 50 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por riba da media galega (39/1.000).
A Axencia convida á veciñanza da Laracha a acudir a doar sangre, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.