A Casa da Cultura da Laracha acollerá este venres 25 a proxección do documental «Ao son da nova regueifa»

1 minutes read

Trátase dun documental que percorre diferentes puntos de Galicia para descubrir como a regueifa continúa viva e se reinventa no presente.

A través das voces de regueifeiras e regueifeiros de diferentes xeracións e territorios, a peza amosa como esta arte da improvisación é capaz de conectar a tradición coa creación contemporánea, ao tempo que se converte nun espazo de encontro, aprendizaxe e participación.

Entre versos improvisados, música e historias compartidas, Ao son da nova regueifa ofrece un retrato dunha práctica cultural en permanente evolución, que mantén as súas raíces mentres dialoga coas novas xeracións e crea novos espazos de participación e comunidade.

O documental, de 60 minutos de duración e producido por Undodez, está dirixido e guionizado por Manolo Maseda e Saúl Rivas. A obra, rodada integramente en galego, está especialmente indicada para persoas interesadas na cultura popular, a tradición oral e as novas formas de creación vinculadas a estas expresións culturais.

A entrada á proxección será libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa.

Esta actividade forma parte do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña.