A Cidade da Cultura acolleu o acto de clausura do proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar»

4 minutes read

A Sala Eisenman da Cidade da Cultura acolleu este martes o acto de clausura do proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar», unha iniciativa de cooperación que reuniu máis de 80 persoas, entre representantes institucionais, profesionais do sector marítimo-pesqueiro, centros de formación e entidades colaboradoras. O encontro serviu para facer balance dun ano de traballo destinado a achegar o sector á mocidade, dar a coñecer as súas oportunidades laborais e formativas e contribuír a afrontar o reto do relevo xeracional.

A apertura institucional contou coa participación da conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; do presidente do GALP Ría de Arousa e patrón maior da Confraría de Pescadores de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias Romero; da directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández; e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez. A mesa estivo moderada pola xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo Martínez.

Un reto que require formación, conexión co sector e novas oportunidades

As intervencións da xornada permitiron contextualizar o desafío do relevo xeracional e abordar as oportunidades de futuro do sector marítimo-pesqueiro. Entre os datos expostos, destacouse que só o 26,5 % das 33.174 persoas afiliadas ao Réxime Especial do Mar tiñan menos de 40 anos, segundo os datos do ISM de 2025 recollidos na presentación da Secretaría Xeral de Pesca.

Tamén se puxo de relevo a necesidade de mellorar a conexión entre a formación e a actividade profesional, facilitar o contacto entre estudantes e empresas e visibilizar as oportunidades de emprego e emprendemento. Neste contexto, a acuicultura, a innovación tecnolóxica e a diversificación produtiva amosáronse como ámbitos que poden abrir novas posibilidades profesionais, xunto coa pesca extractiva e outras actividades vinculadas ao mar.

A programación incluíu sesións dedicadas á formación e ás axudas no ámbito da pesca e da acuicultura, así como á modernización, á innovación e ás novas tecnoloxías. Estes contidos permitiron achegar información sobre os recursos dispoñibles e os cambios que están a transformar o sector.

Máis de 1.000 experiencias e contactos coa realidade do mar.

Ao longo do proxecto desenvolvéronse actividades en 25 centros educativos, nas que participaron 998 alumnos e alumnas, co obxectivo de presentar a realidade do sector marítimo-pesqueiro e as súas posibilidades profesionais dun xeito próximo e práctico.

As accións incluíron visitas a centros de formación e instalacións vinculadas á actividade marítimo-pesqueira, así como experiencias de contacto directo con profesionais, portos, estaleiros, confrarías e outras entidades do sector. Tamén se realizaron oito saídas en embarcación, nas que participaron dez estudantes, para coñecer de primeira man a actividade no mar.

Outra das iniciativas destacadas foi o campamento desenvolvido na illa de Ons entre o 22 e o 24 de maio de 2026, no que participaron 30 mozos e mozas. A experiencia combinou a convivencia e o coñecemento do medio mariño coa presentación de contidos audiovisuais sobre o sector primario marítimo.

O proxecto incluíu, ademais, unha xornada informativa sobre Formación Profesional Dual, celebrada o 7 de maio na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, que reuniu 76 asistentes e contou coa participación de 20 relatores e relatores. A actividade permitiu dar a coñecer distintas opcións formativas e favorecer o intercambio entre centros educativos e profesionais.

Recursos audiovisuais e divulgación para achegar o sector á mocidade.

A comunicación foi unha das liñas de traballo fundamentais do proxecto. Elaborouse unha identidade visual propia, oito pezas audiovisuais temáticas e un vídeo promocional, co obxectivo de dar visibilidade á actividade marítimo-pesqueira e amosar a diversidade de perfís profesionais que forman parte dela.

O proxecto tamén estivo presente na feira EDUGAL, celebrada en Pontevedra do 21 ao 23 de outubro, onde se presentaron os seus contidos e recursos divulgativos para achegar as oportunidades do sector ao público novo.

O valor da cooperación para construír o futuro do mar.

A xornada de clausura incluíu unha mesa redonda sobre boas prácticas para favorecer o relevo xeracional, na que participaron Francisco Xavier Doporto Santos, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada; Juan Domingo Cambeiro, director da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira; e María Calvo Tarrío, de Arenaria Coordinación S.L.U.

O encontro rematou coa presentación do vídeo promocional do proxecto e cunha degustación de produtos do mar, como mostra da riqueza e do valor da actividade marítimo-pesqueira. O peche institucional contou coa intervención de Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.

«Relevo xeracional: o futuro do mar» é unha iniciativa de cooperación dos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia —A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible Muros-Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda—, coordinada polo GALP Ría de Arousa, e desenvolvida en colaboración co GALP vasco Itsas Garapen Elkartea. O proxecto conta co financiamento da Consellería do Mar, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

A iniciativa pecha así un ano de traballo no que a divulgación, a formación e o contacto directo coa actividade marítimo-pesqueira serviron para achegar o mar ás novas xeracións e contribuír a que coñezan as oportunidades profesionais que ofrece, tanto na pesca como na acuicultura e noutros ámbitos vinculados á innovación e á sustentabilidade.