Impulso a un novo libro sobre a historia da educación na Laracha que escribirá Xabier Maceiras

1 minutes read
De esquerda a dereita, Xabier Maceiras, José Manuel López e Patricia Bello, _cl

O Concello continúa a promover a recuperación e divulgación da memoria local cun novo proxecto editorial dedicado á historia e evolución da educación no municipio, un traballo que foi encargado ao escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, mantiveron unha reunión co autor para abordar os contidos que terá o libro e as necesidades de documentación previas ao proceso de redacción. Neste sentido, Xabier Maceiras fixo un chamamento á colaboración de todas as persoas que poidan achegar información, testemuños ou fotografías antigas relacionadas coa actividade educativa no termo municipal da Laracha, incluíndo mestres, escolas e calquera outro aspecto de interese. As persoas que desexen colaborar poden contactar con el a través das súas redes sociais ou do correo electrónico xabimaceirasrodriguez@gmail.com.

Esta será a terceira publicación que Xabier Maceiras realizará por solicitude do Concello da Laracha. A primeira foi As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, dedicada á industria das telleiras. A segunda, centrada no sector madeireiro, xa está rematada e será editada e presentada proximamente.

Ademais, o autor mantén en funcionamento, coa colaboración do Concello, o blog Crónicas da Laracha no que publica artigos con periodicidade semanal desde hai cinco anos. E tamén conta con outros dous libros relacionados coa recuperación e posta en valor da memoria do municipio: Os bailes dos avós e Cen anos de fútbol en Arteixo e A Laracha.