O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua reclamoulle á Xunta de Rueda garantir un transporte público útil e cumprir coas obrigas legais de planificación da mobilidade nos centros públicos, revisando e reforzando a actual oferta entre as comarcas da Costa da Morte e Bergantiños e A Coruña, co establecemento de máis frecuencias directas e máis autobuses nas franxas horarias de maior demanda.
O PP, malia votar a favor en Carballo, rexeitou a iniciativa no Parlamento galego, o que indica que non garante os anuncios que a Dirección Xeral de Mobilidade lles fixo aos membros ás promotoras da Iniciativa que reclamaba o servizo.
Insua defendeu na proposición non de lei ás necesidades de transporte para o persoal do Sergas que reside en concellos como Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Ponteceso, Vimianzo, Malpica de Bergantiños ou A Laracha e que cada día se desprace ao Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) e a outros centros hospitalarios da cidade. “Non ten sentido planificar a mobilidade laboral dun hospital sen coordinar esa planificación cos servizos de transporte público que deben permitir chegar a el”, recalcou.
Recordoulle ao PP que a Lei 9/2025, de Mobilidade Sostible, establece no seu artigo 26 a obriga de dispoñer de Plans de Mobilidade Sostible ao Traballo nos centros que superen os limiares previstos (máis de 200 persoas traballadoras ou 100 por quenda). Dado que o prazo para cumprir con esta obriga remata o próximo 5 de decembro, o deputado preguntoulle que está facendo a Xunta para facer eses plans.
O deputado nacionalistas recoñeceu o avance que se produciu despois de que o BNG rexistrase a iniciativa, xa que, nunha reunión o pasado 16 de outubro entre a Dirección Xeral de Mobilidade e na que estaba tamén o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, a Xunta amosouse disposta a analizar tecnicamente a adaptación dos horarios e percorridos do transporte entre Carballo e A Coruña para facilitar o acceso aos hospitais.
Porén, sinalou que Mobilidade descartou, polo momento, unha conexión directa que evite a estación intermodal, e sinalou que os contratos vixentes non contemplan probas piloto . “Non existe unha solución concreta”, obxectou, preguntándolle ao PP a continuación polas alternativas que se van, os prazos a forma na que se vai garantir que respondan realmente ás quendas de traballo.
“Non pedimos privilexios, pedimos planificación, coordinación e alternativas para que as persoas poidan acudir ao seu posto de traballo sen depender obrigatoriamente do coche particular”, subliñou, engadindo que “o transporte público non se mide só polos autobuses que circulan senón pola capacidade de responder ás necesidades reais das persoas”.
“Falamos de persoas que sosteñen o sistema público de saúde e que se atopan con que o transporte público non llelo pon doado. A cohesión territorial tamén é garantir que quen traballa no hospital poida chegar a tempo, con seguridade e sen ter que pagar peaxes e aparcamento todos os días”, defendeu Insua.
“Que haxa expedicións non é o mesmo que haxa unha alternativa real”
O deputado nacionalista asegurou que non é o mesmo que existan autobuses, tal e como xustifica o Goberno galego, que que estes permitan chegar ao posto de traballo á hora necesaria. Para o BNG, a resposta da Xunta non reflicte a realidade dado que o persoal sanitario debe cubrir quendas de mañá, tarde e noite (aproximadamente de 08:00 a 15:00, de 15:00 a 22:00 e de 22:00 a 08:00), ás que hai que sumar o tempo para acceder ao centro, cambiarse e facer o relevo.
Tampouco a conexión actual entre Carballo e A Coruña é directa coa zona hospitalaria e, polo tanto, obriga a combinar transporte interurbano e urbano, con esperas, transbordos e desprazamentos a pé. Insua indicou que o traxecto pode chegar a unha hora e media por sentido, fronte aos 30 ou 40 minutos que leva o percorrido directo por estrada desde Carballo.
“Hai que chegar ao hospital e hai que facelo a tempo”, argumentou, sinalando que este modelo de transporte non é algo “teórico”, senón que se trata dun servizo que a Xunta xa puxo en funcionamento entra a Barbanza e os hospitais de Santiago ou tamén nos servizos discrecionais de transporte para os funcionarios das oficinas centrais de San Caetano desde as cidades de Galiza”.
Custo económico, conxestión e seguridade
O deputado da Costa da Morte advirte ademais do custo económico para os e as profesionais que se ven obrigados a usar o seu vehículo pola falta de frecuencias adaptadas ás súas quendas. Só nas peaxes da AG-55 poden supoñer arredor de 5,20 euros diarios, aos que se suman o combustible e o mantemento.
Ademais, a dependencia do coche incrementa os desprazamentos individuais, a conxestión e as emisións, expón o persoal aos riscos dos desprazamentos in itinere e agrava os problemas de aparcamento arredor dos hospitais, sen ofrecer alternativa ás persoas que non poden usar habitualmente o vehículo privado.
As propostas do BNG
O BNG subliña o respaldo social da demanda, que reúne máis de 300 persoas interesadas en utilizar unha conexión deste tipo, un indicador claro que, a xuízo do deputado, a Xunta debe ter en conta na planificación do servizo.
É por iso que , ademais de analizar a demanda das máis de 300 persoas interesadas nun transporte colectivo compatible coas súas quendas de entrada e saída, o Bloque pedía impulsar os Plans de Mobilidade Sostible ao Traballo previstos na lexislación, elaborar un estudo integral da mobilidade laboral das empregadas públicas residentes en Bergantiños e a Costa da Morte e, por último, revisar e reforzar as conexións de transporte público coa Coruña, con máis frecuencias directas e servizos nas franxas de maior demanda.
