Farao a petición do Concello de Carballo, despois de que nos últimos días se detectase unha progresiva redución da sección da canle e do intercambio de auga entre a lagoa e o mar.
O concelleiro de Servizos, Medio Ambiente, Praias e Protección Civil, Miguel Vales, solicitou formalmente o pasado venres 4 de setembro a constitución da comisión prevista no Protocolo de actuación sobre as Marismas de Baldaio, asinado no mes de agosto, ante o risco de que a acumulación de area poida provocar novamente o peche da canle.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural respondeu á petición municipal o día 8 coa convocatoria da comisión, que terá lugar na sede da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en San Lázaro. Na reunión estarán representadas as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, o Concello de Carballo e a Demarcación de Costas do Estado.
Desde o Concello considérase fundamental actuar de maneira preventiva e non agardar a que a comunicación entre a lagoa e o océano quede novamente interrompida.
A canle foi reaberta en agosto despois do prolongado peche que se produciu este ano e, segundo se pode comprobar actualmente sobre o terreo, está perdendo progresivamente anchura e sección, ao tempo que diminúe o caudal de intercambio coa lagoa.
Por este motivo, o Concello propuxo que a comisión técnica avalíe a evolución da canle e a eficacia da actuación realizada e que, á vista desa análise, se determinen as medidas que sexan necesarias para conservar a conexión co mar. “O que queremos é anticiparnos. Temos un protocolo precisamente para poder facer un seguimento conxunto da situación e actuar coordinadamente, e non ten sentido esperar a que a canle estea completamente pechada para empezar a buscar solución”, sinala Miguel Vales.
O concelleiro considera positiva a rápida resposta á solicitude municipal e confía en que a reunión permita establecer criterios técnicos de actuación: “A convocatoria da comisión demostra que o protocolo que asinamos en agosto é unha ferramenta útil. Agora temos que utilizala para facer un seguimento real de Baldaio e adoptar as decisións necesarias en función da evolución da canle”.
Na solicitude remitida ás consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, o Concello propón que, se a avaliación técnica determina que é necesario, os organismos competentes da Xunta de Galicia realicen as actuacións de mantemento ou apertura que permitan conservar a conexión da lagoa co mar, coa colaboración municipal nos termos establecidos no protocolo. Esta posibilidade tería carácter transitorio, á espera de que poida executarse unha solución estable e definitiva para o funcionamento da canle.
Precisamente, unha das funcións atribuídas á comisión no protocolo é avaliar conxuntamente as dinámicas litorais e os condicionantes existentes en Baldaio. Ademais, o documento establece expresamente que o órgano poderá reunirse a petición dunha das partes, mecanismo que o Concello decidiu activar ante a evolución observada estes días.
O alcalde, Daniel Pérez, destaca que o obxectivo municipal continúa sendo o mesmo que levou á sinatura do protocolo: “Baldaio necesita deixar atrás unha dinámica na que se actúa cando o problema xa está enriba da mesa. Temos que avanzar cara a un seguimento continuado, coordinación entre administracións e unha solución que dea estabilidade á canle respectando, por suposto, os valores ambientais dun espazo excepcional”. Para o goberno municipal, a reunión do día 23 debe servir tanto para analizar a situación inmediata como para avanzar no modelo de seguimento e coordinación entre todas as administracións con competencias sobre este espazo natural, co obxectivo de evitar que se repitan situacións como a vivida este ano.
