A Confraría de Pescadores de Laxe celebrará este domingo, 30 de setembro, unha degustación gratuíta de tapas elaboradas con peixe fresco da súa lonxa no interior da Praza de Abastos de Noia, a partir das 12:00h.
A actividade instalarase no primeiro posto desde a entrada da praza, buscando así a maior visibilidade posible para todos os asistentes ao mercado.
Á fronte das elaboracións estará o cociñeiro Miguel Mosteiro, embaixador dos peixes e mariscos de Laxe, que ofrecerá aos asistentes dúas preparacións distintas realizadas con peixe da lonxa de Laxe. En total, repartiranse máis de 300 tapas gratuítas, ata esgotar existencias.
Esta acción forma parte da campaña de promoción do peixe de Laxe impulsada pola confraría co apoio do GALP Costa da Morte, que xa recalou este verán en Santiago de Compostela, tras a edición do pasado ano, con accións en Vimianzo e A Coruña.
A campaña continuará o 10 de setembro cunha nova cita en Carballo, e pecharase o 1 de outubro no Parador Costa da Morte, en Muxía.
O obxectivo destas accións é fomentar o consumo de peixe fresco e de proximidade, poñendo en valor a pesca artesanal e o traballo dos mariñeiros de Laxe, fundamentais para a economía local e a cultura mariñeira da Costa da Morte.
Con esta iniciativa, a Confraría de Laxe reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade, a calidade e a posta en valor da pesca artesanal, un sector que representa a esencia e o futuro das comunidades costeiras de Galicia.
