A conselleira de Medio Ambiente promete 2,5 M€ para a lagoa de Traba de Laxe; o BNG afirma que “veu vender fume”

3 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, afirmou este martes que a Xunta de Galicia destinará un investimento de arredor de 2,5 millóns de euros a un proxecto integral de restauración ambiental da lagoa de Traba, no concello de Laxe, a executar entre os anos 2027 e 2028.

Como primeiro paso, a responsable autonómica explicou que este ano o seu departamento acometerá a redacción do proxecto para concretar as actuacións a realizar no marco do referido plan e trasladoulle tamén ao rexedor que nel se integrarán todos os intereses implicados, desde os medioambientais ata o mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles existentes na contorna

Neste sentido, avanzou que incluirá medidas de control da vexetación perimetral; restauración do sistema dunar e dos seus hábitats (tanto no medio seco como húmido); recuperación ou reforzo da flora e fauna locais e eliminación de especies exóticas invasoras; actuacións sobre o desaugadoiro natural para recuperar a dinámica hídrica deste espazo e evitar inundacións nos terreos adxacentes; ampliación da lámina de auga, e mellora do uso público e da experiencia dos visitantes (paneis, balizamento de áreas sensibles, adecuación da pasarela…).

Postura do BNG

Pola súa banda o BNG de Laxe denuncia a visita “absolutamente propagandística” da conselleira de Medio ambiente, Ánxeles Vázquez, realizada ao concello, na que en compañía do rexedor limitouse a presentar unha serie de consellos obvios para a protección solar, sen facer nin unha soa mención ós problemas do concello, nin sequera ós relacionados coas súas competencias.

De feito, pese a que as declaracións se fixeron no medio da praia urbana, nin a Xunta, nin o goberno local fixeron a máis mínima referencia á situación das dunas e ao exceso de area. Ante a falta de propostas, a consellería emitiu hoxe un comunicado oficial, -replicado mimeticamente polo goberno municipal do PP-, neste caso con anuncios para a Lagoa de Traba, que demostran até que punto o Partido Popular para Laxe só ofrece anuncios e propaganda.

En concreto, a nota de prensa do departamento de Medio Ambiente asegura que este ano “acometerá a redacción do proxecto para concretar as actuacións a realizar” na Lagoa de Traba; unha declaración que contradí a realizada pola propia consellería o 10 de febreiro que noutro comunicado de prensa aseguraba textualmente: “A Xunta está ultimando o proxecto para restaurar a lagoa”.

Ana Pontón tamén visitou a lagoa de Traba.

“Hai catro meses dicían a Xunta nun comunicado oficial que o proxecto para a rehabilitación da lagoa de Traba estaba ultimado, é dicir, que estaba xa listo, e agora, catro meses despois din que este ano van facer o proxecto de rehabilitación. En que quedamos, estaba listo ou aínda teñen que facelo? Xa basta de mentiras, basta de anuncios e propaganda e basta de vir a Laxe a vender fume, porque Laxe merece moito máis que titulares”, destacou a candidata do BNG á Alcaldía, Cristina Vázquez.

A nacionalista lembrou, ademais, que foi o traballo do Bloque no Parlamento, recollendo as denuncias da veciñanza de Traba, o que puxo a situación da Lagoa encima da mesa, “porque tras 17 anos de PP na Xunta e dez anos do PP no concello, ningún dos dous gobernos moveron un dedo, non fixeron nada pola lagoa, que agora precisa unha intervención urxente. O que desde o BNG de Laxe lle pedimos a Xunta é menos propaganda, menos anuncios e máis traballar con feitos concretos para mellorar o noso concello”, concluíu.