A conselleira do Mar destacou en Barizo a importancia das empresas acuícolas para o futuro do marisqueo en Galicia

1 minutes read

Marta Villaverde, visitou este venres as instalacións que a empresa A Ostreira ten en Barizo, Malpica de Bergantiños, especializada na produción e comercialización de semente de ameixa e ostra, e destacou a importancia deste tipo de empresas acuícolas para o futuro do marisqueo en Galicia.

A responsable autonómica puxo en valor o papel estratéxico da acuicultura e da produción de semente de moluscos para garantir o futuro do marisqueo galego, especialmente en episodios de intensas choivas como os producidos nos primeiros meses do ano, e que provocaron unha diminución da produtividade natural das rías. Unha situación que levou á Consellería do Mar a desenvolver un plan específico para a rexeneración dos bancos, dotado con 23 millóns de euros. 

Porén, Villaverde destacou a importancia de apoiar todas aquelas iniciativas que apostan pola investigación, a biotecnoloxía mariña e a xeración de emprego vinculado ao mar, sinalando que a acuicultura representa un sector clave para a economía azul de Galicia. A este respecto, lembrou que a comunidade lidera a produción acuícola en España e é a primeira rexión europea en cultivos mariños. No 2025, comercializáronse preto de 190.000 toneladas de especies acuícolas que acadaron un valor no mercado de 243 millóns de euros. 

A conselleira trasladou a vontade do seu departamento de continuar impulsando políticas que garantan seguridade xurídica, innovación e estabilidade para o complexo mar-industria, “co fin de impulsar a competitividade e sustentabilidade do sector marítimo-pesqueiro galego”.

Durante o percorrido, a conselleira coñeceu, de primeira man, os diferentes procesos de produción de semente da factoría, así como os proxectos de ampliación e mellora, orientados a incrementar a capacidade produtiva e responder á crecente demanda da actividade marisqueira.