- A titular de Medio Rural visitou esta explotación, que mudou o seu sistema de produción, apostando pola gandaría extensiva mediante o pastoreo, despois dos lumes que afectaron ao concello de Malpica de Bergantiños no ano 2010
- Salientou o papel deste tipo de iniciativas na prevención de incendios forestais, sobre todo en zonas pouco agrarias, ademais da calidade dos seus produtos, amparados pola IXP Ternera Gallega
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este xoves a explotación vacún de carne dos Valles, onde puxo en valor o seu labor de recuperación de terras improdutivas para o aproveitamento gandeiro que, á súa vez, contribúe á prevención de incendios forestais mediante a redución da biomasa vexetal.
A explotación, xestionada por dous socios sen traballadores por conta allea, está provista dun censo de 98 animais, de raza Rubia Galega e cruces mestizos, e manexa unha superficie declarada de 38 hectáreas, das cales 6 se destinan ao cultivo de millo e o resto a pastoreo e sega.
Neste contexto, a conselleira salientou o cambio que experimentou a explotación ao longo dos anos que, a parte dun proceso de crecemento e expansión, mudou a súa forma de manter aos animais e de relacionarse co entorno. Así, a conselleira destacou que, tralos incendios que afectaron ao concello de Malpica de Bergantiños no ano 2010, os titulares da explotación “reformularon o seu sistema de produción e apostaron pola gandaría extensiva mediante o pastoreo”. Fixérono contactando con propietarios de terreos de monte abandonados e cubertos de matogueira, chegando a acordos para o seu aproveitamento gandeiro.
Deste xeito, esta transformación permitiu “reducir as necesidades de man de obra e o uso de maquinaria, mellorar o benestar dos animais e recuperar terreos abandonados para a actividade agraria”, ao tempo que contribuíu a “controlar a biomasa vexetal e reducir o risco de propagación dos incendios forestais”, subliñou a conselleira. Ademais, sinalou a importancia de proxectos como este nun concello pouco agrario como o de Malpica de Bergantiños, no que “este tipo de iniciativas evitan a propagación de lumes, ademais de xerar un ecosistema sostible para os gandeiros”.
A titular de Medio Rural puxo en valor, ademais, a calidade dos produtos procedentes dos Valles, pois intégranse na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega e aproximadamente o 30 % dos xatos comercialízase a través da categoría Ternera Gallega Suprema.
Así, subliñou que “calidade pode ir da man da recuperación do territorio” e sinalou que a capacidade da explotación por adaptarse ás necesidades do territorio “amosa o camiño cara unha xestión eficiente, que reduce custos, mellora o benestar animal e, por riba de todo, actúa como un escudo natural na prevención de lumes grazas ao control estratéxico da biomasa”.
