O programa A Laracha Conecta iniciou as visitas a explotacións para achegar a realidade laboral ao alumnado

2 minutes read

O programa A Laracha Conecta iniciou esta semana a fase de visitas a explotacións agrícolas e gandeiras e a empresas do municipio co obxectivo de achegar o alumnado á realidade dos sectores produtivos locais e ás oportunidades profesionais que estes ofrecen.

A primeira actividade realizouse o luns en Horta Ramisquido, onde o alumnado de sexto de Primaria do CEIP Otero Pedrayo puido coñecer de preto o traballo que se leva a cabo nesa explotación emprazada na parroquia de Coiro. O martes foi a quenda do alumnado do Grao Básico de Formación Profesional (FP) de Cociña e Restauración de Carballo, que visitou a Panadería Suso para descubrir os procesos e as particularidades desa actividade profesional.

Este xoves o programa continúa cunha visita do alumnado do CEIP de Caión á Gandería Montemaior, na que poderá coñecer o funcionamento dunha explotación gandeira e o traballo diario que require esa actividade.

Durante as visitas, os participantes reciben explicacións de primeira man das persoas profesionais responsables das explotacións e empresas, así como de persoal educativo especializado. Deste xeito poden coñecer directamente os procesos de traballo, as competencias necesarias e as posibilidades de desenvolvemento profesional en ámbitos fundamentais para a economía local.

A industria e os oficios toman o relevo

A próxima semana, A Laracha Conecta dará protagonismo ao sector industrial e aos oficios, sen deixar de lado as actividades vinculadas ao sector primario.

O luns 26, o alumnado do Grao Básico de FP de Peiteado e Estética da Laracha participará nunha actividade na Peluquería J. Vázquez, na que poderá coñecer de preto o salón de peiteado e a experiencia de profesionais que son referencia no municipio nese sector.

Pola súa banda, as visitas ás instalacións de Unifersa, no parque empresarial, desenvolveranse os días 26, 28 e 30 de outubro, con participación de alumnado de ESO do IES Agra de Leborís e do Grao Superior de FP de Transporte e Loxística que se imparte na Laracha. Estas actividades permitirán achegarlles á realidade dunha gran empresa industrial e comercial e amosarlles as oportunidades profesionais existentes na contorna.

O sector primario tamén continuará presente na programación da próxima semana con visitas a Hortalizas Añón Pardiñas, en Erboedo, previstas para os días 27 e 29 de outubro.

A actividade económica da Laracha, en tres eixos.

Estas accións forman parte dos tres eixos de A Laracha Conecta: sector primario, industria e oficios, e turismo e deporte. O programa busca favorecer o coñecemento mutuo entre empresas e estudantes, contribuír á orientación académica e laboral da mocidade e dar visibilidade á diversidade de actividades económicas que se desenvolven no municipio.

O programa completarase en novembro con tres encontros abertos ao público nos que se compartirán experiencias e boas prácticas neses tres ámbitos.

A Laracha Conecta lévase a cabo en colaboración coa Deputación da Coruña no marco das axudas provinciais destinadas á promoción económica.