O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua, denunciou que o PP pretende adiar ata 2031 a finalización do Porto Mixto de Corcubión, unha infraestrutura cun custo estimado de oito millóns de euros para a que os Orzamentos da Xunta de 2027 só prevén 50.000 euros.
O nacionalista criticou que o Partido Popular se negue a aumentar o financiamento e a establecer un calendario público que permita coñecer os prazos para executar unha obra demandada desde hai máis de tres décadas.
“Temos que manter 50.000 euros para 2027? Eu creo que iso non pode ser, porque 50.000 euros non chegan nin para a redacción do proxecto”, advertiu Insua, que cuestionou a falta de compromiso da Xunta cunha infraestrutura que acumula promesas incumpridas desde hai anos.
O deputado lembrou que o PP xa anunciaba a construción do porto en 2009 e volveu comprometerse con este proxecto en sucesivas convocatorias electorais. Ademais, as previsións iniciais situaban a finalización das obras en 2027, un prazo que agora a Xunta adía ata 2031. “Se falamos de datas estimadas, sabemos que poden variar un mes, tres meses ou seis meses, pero non anos. Porque aquí estamos falando de anos para arriba e anos para abaixo, e o Porto Mixto está sen facer”, afirmou.
“Dígannos a verdade. Díganlles aos veciños e ás veciñas en que prazo vai estar”, reclamou o deputado. “A Xunta non pode seguir adiando os compromisos sen ofrecer certezas á veciñanza”.
O BNG reclama que os Orzamentos da Xunta para 2027 incorporen unha partida suficiente e finalista que permita, unha vez completados os trámites ambientais e administrativos, avanzar cara á licitación e ao inicio das obras. “O que queremos é que se faga canto antes”, subliñou o deputado.
“Vostedes todos os anos veñen vendendo propaganda”, denunciou Insua ao considerar que os anuncios do PP non van acompañados dos compromisos económicos necesarios para executar a infraestrutura.
O nacionalista exixe tamén que a Xunta informe detalladamente do estado da avaliación de impacto ambiental ordinaria, iniciada en setembro de 2023. En xaneiro de 2025, a información trasladada polo Goberno do PP situaba a redacción do estudo ambiental en marcha, pero, segundo denunciou Insua, o Parlamento segue sen coñecer o estado actual da tramitación nin os pasos que quedan por completar.
Oscar Insua advertiu ademais de que a demora mantén as embarcacións expostas aos temporais e aos riscos que se repiten cada ano por non dispoñer dunhas instalacións portuarias adecuadas.
“Comeza novembro. Comezan as datas dos temporais e, tristemente, imos volver ver o espectáculo de como os barcos acaban indo ás pedras. Porque todos os anos van un, dous ou tres. E este ano pasará igual”, advertiu Insua, que concluíu cunha pregunta á Xunta: “Imos estar así ata 2031, deixando os veciños e as veciñas de Corcubión nesta situación?”.
