A Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), debido ao fenómeno meteorolóxico adverso por temporal costeiro, no litoral da Coruña e na Mariña lucense agárdase con mar combinada do noroeste con ondas de ata sete metros con vento do oeste forza oito. No caso da costa de Pontevedra espérase que as ondas poidan acadar os seis metros con vento do suroeste de forza sete.
A actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar suspéndese nas zonas afectadas por esta alerta laranxa, agás as excepcións establecidas no protocolo de alertas publicado na web Deporte Galego.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.
