O pleno da corporación municipal do Concello de Carballo celebrou este luns, 27 de xullo, a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, na que se formalizou a renuncia de José Rey Torres ao seu cargo como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular.
Durante a súa intervención de despedida, José Rey quixo expresar o seu agradecemento polo tempo compartido cos seus compañeiros e compañeiras e co resto de representantes políticos ao longo destes tres anos de mandato, e subliñou o traballo conxunto pola mellora do municipio: “Foi unha honra e un pracer compartir este espazo con todos vostedes estes tres anos. Estou convencido de que todos os aquí presentes estamos para intentar mellorar a vida dos carballeses, evidentemente todos desde o noso punto de vista, pero coa mellor das intencións. Este é un traballo difícil, pero pídovos valentía, porque penso que non erra o que non fai nada”.
O xa ex-concelleiro estendeu os seus desexos de sorte e acerto á corporación e especialmente aos seus compañeiros de grupo municipal, e rematou cunha mensaxe de recoñecemento a Rubén Lorenzo por darlle a oportunidade de formar parte do grupo municipal.
Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, tomou a palabra no nome da corporación para dedicarlle unhas palabras de despedida e recoñecemento pola súa traxectoria e talante democrático: “Creo que procede desexarlle a José toda a sorte no que lle vai vir por diante, agradecerlle as formas e o xeito de comportarse sempre neste pleno, que eu creo que é algo que nos honra a todos os que estamos aquí, e esperemos que siga sendo así, pero neste caso agradecerllo a el persoalmente polo seu talante, pola súa forma de comportarse e por sempre ter intentado facer as cousas ben por Carballo”.
No punto 8 da orde do día deuse conta formal da renuncia de José Rey Torres á súa condición de concelleiro. Así mesmo, e conforme á lexislación electoral vixente, deuse conta das renuncias anticipadas a asumir o cargo formuladas por outros seis membros da candidatura do Partido Popular: Yolanda Varela Pérez, Adrián Fariña Vázquez, Uxía García Vilanova, Óscar Álvarez Pose, Raquel Cotelo Varela e José Iván Blanco Martínez.
Tras tramitar ditas renuncias, o Concello de Carballo solicitou oficialmente á Xunta Electoral Central a expedición da credencial acreditativa a favor da seguinte candidata da lista, Lucinda Serrano Tasende, que figuraba o número 14 da candidatura presentada polo PP nas últimas eleccións, e que tomará posesión da súa acta de concelleira no próximo pleno municipal.
Acordos adoptados
Máis alá da renuncia de José Rey, a sesión ordinaria serviu para dar luz verde a diversos acordos da xestión municipal:
- Festivos locais para 2027: por unanimidade aprobouse a proposta dos días 24 e 25 de xuño, festas patronais de San Xoán Bautista.
- Contrato de servizos enerxéticos e iluminación exterior: aprobouse a modificación número 15, relativa á revisión de prezos do contrato administrativo mixto de subministro e servizos enerxéticos coa UTE Gestión Energética y Alumbrado Público Carballo (Ferrovial Energía S.A.). A proposta saíu adiante cos 12 votos a favor do grupo municipal do BNG e as 6 abstencións dos grupos do PP (4) e PSOE (2).