- A Fundación CEER coordina o proxecto europeo Atlantic Sunset, que promove unha rede internacional de destinos atlánticos unidos polas mais extremas e belas postas de sol de Europa continental e as illas Británicas.
O vindeiro 12 de agosto, Galicia ofrecerá unha oportunidade única en Europa: contemplar desde un punto privilexiado da fachada atlántica, unha eclipse solar case total e, apenas uns minutos despois, a última posta de sol da Península Ibérica na mesma xornada.
O enclave destacado é a Costa da Morte, en Galicia, punto integrado na rede internacional do proxecto europeo Atlantic Sunset, coordinado pola Fundación CEER (A Rede de Universidades Públicas de Galicia e do Norte de Portugal).
A Costa da Morte rexistrará unha eclipse cunha magnitude prevista próxima ao 99 %, situándose entre os mellores lugares da España peninsular para observar este fenómeno astronómico. Ademais, este territorio está recoñecido internacionalmente por Atlantic Sunset como a última posta de sol de España Peninsular durante primavera e verán, e un dos catro puntos da Europa continental desde os que pode contemplarse, durante parte do ano, a última posta de sol do continente.
Atlantic Sunset: ciencia, patrimonio e cooperación atlántica
Esta singular coincidencia de fenómenos naturais pon de manifesto o valor do proxecto Atlantic Sunset, unha iniciativa europea que identifica, investiga e promove os lugares desde os que poden contemplarse as últimas postas de sol dos países atlánticos europeos, convertendo este patrimonio natural nun recurso para o desenvolvemento turístico sostible, a divulgación científica e a valorización do territorio.
Neste contexto, a Fundación CEER desempeña un papel clave como entidade coordinadora do proxecto, impulsando a cooperación entre universidades e entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda para crear unha rede internacional de destinos unidos por un patrimonio astronómico e paisaxístico común.
O proxecto permitiu desenvolver estudos científicos, crear unha identidade territorial compartida e dotar os diferentes enclaves de novos recursos interpretativos que facilitan aos visitantes comprender a relevancia destes fenómenos naturais.
Novas instalacións interpretativas para descubrir o fenómeno
Como parte das actuacións impulsadas por Atlantic Sunset, recentemente instaláronse novos elementos interpretativos tanto no Cabo Touriñan (Muxía) como no Faro de Montedor (Portugal).
Na Costa da Morte, o proxecto instalou en Cabo Touriñan unha das características placas Atlantic Sunset, identificando oficialmente este enclave como un dos puntos privilexiados de Europa para contemplar a última posta de sol continental durante parte do ano. A instalación reforza ademais o valor natural, cultural e turístico dun dos espazos máis emblemáticos da costa atlántica. Novas instalacións en Cabo Fisterra e Monte Pindo incorporaranse nos próximos meses.
Unha rede europea de destinos atlánticos
O fenómeno do 12 de agosto poderá observarse tamén noutros territorios integrados na rede Atlantic Sunset.
En Finistère (Francia), recoñecido como o lugar das últimas postas de sol do país, a eclipse alcanzará unha magnitude prevista do 96,4 %.
Máis ao norte, Aghernagallagh, no condado irlandés de Donegal, permitirá contemplar igualmente a eclipse (96%) antes da última posta de sol de Irlanda sobre o océano Atlántico.
Xunto con Galicia e o Norte de Portugal, estes catro territorios conforman unha rede europea única que combina divulgación científica, patrimonio natural e cooperación internacional arredor dun fenómeno tan universal como o solpor.
Un proxecto europeo liderado desde a Eurorrexión
Atlantic Sunset está liderado pola Fundación CEER e conta como socios coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade do Porto, Wireless Galicia, a Universidade de Sevilla, a Université d’Angers e a National University of Ireland Galway.
O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg Atlantic Area e representa un exemplo de cooperación europea na valorización do patrimonio natural compartido, promovendo novos modelos de turismo sostible, investigación e desenvolvemento territorial ao longo da fachada atlántica.
Máis información sobre o proxecto está dispoñible en https://atlanticsunset.eu/.