O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Fisterra, Luís Insua, asinaron este xoves na sede da institución provincial un convenio de colaboración para executar as obras de mellora do vial municipal que conecta a recta de Anchoa co lugar de Hermedesuxo. O acordo supón un investimento conxunto que supera os 99.500 euros, permitindo intervir de maneira urxente nunha calzada moi transitada da zona rural do municipio fisterrán.
A actuación proxéctase sobre un trazado de 985 metros de lonxitude que actualmente se atopa nun estado de avanzado deterioro. O pavimento deste camiño municipal presenta un desgaste severo caracterizado por fisuras lonxitudinais e transversais, baches, desgranados e deformacións que condicionan a seguridade e a comodidade da circulación. Esta vía é clave tanto para a mobilidade diaria dos residentes de Hermedesuxo de Abaixo na súa conexión coa estrada autonómica AC-445 como para a proxección turística da contorna, dado que aproximadamente a metade do seu percorrido forma parte do trazado oficial da prolongación do Camiño de Santiago no seu tramo final da etapa de Muxía a Fisterra.
O orzamento dos traballos ascende exactamente a 99.552,24 euros. Desta cantidade, a Deputación da Coruña achegará un total 79.641,79 euros, o que equivale ao 80% do financiamento total. Pola súa banda, o Concello de Fisterra asumirá o 20% restante, que ascende a 19.910,45 euros, para completar o orzamento de contrata do proxecto.
O proxecto contempla unha serie de melloras que se efectuarán nun prazo estimado de dous meses. As tarefas iniciaranse coa limpeza das marxes e a superficie para proceder posteriormente ao fresado nas zonas necesarias para garantir a correcta transición coas vías existentes. Sobre o firme aplicarase un rego de adherencia con emulsión bituminosa para posteriormente estender unha nova capa de mestura bituminosa en quente. Ademais, as obras inclúen a posta a cota de todas as arquetas, tapas e sumidoiros da drenaxe pluvial, así como a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical do tramo.
Esta intervención realizarase con especial coidado, buscando evitar calquera afección sobre o trazado histórico e paisaxístico do Camiño de Santiago.
Formoso afirmou que o seu goberno está comprometido co mantemento da seguridade viaria da estradas de titularidade local e provincial , así como «coa dotación de servizos de calidade no medio rural», algo que se demostra día a día con actuacións como esta.