A Deputación da Coruña achega preto de 88.000 euros para mellorar o acceso ao centro de día de ASPACE en Sada

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta de ASPACE Coruña, María Carmen Barreiro Santos, asinaron un convenio de colaboración para ampliar a marquesiña da entrada principal do complexo asistencial que a entidade ten na parroquia de Osedo, en Sada. A Deputación achegará 87.688,88 euros, o 72,85 % do orzamento das obras, que ascende a 120.373,07 euros. No acto participaron tamén a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e o xerente de ASPACE, Ricardo Iglesias Sanmartín.

A marquesiña actual é demasiado estreita para que os autobuses que trasladan a diario as persoas usuarias entre os seus domicilios e o centro poidan estacionar baixo cuberta. Os días de chuvia intensa, esta limitación dificulta especialmente a entrada e a saída das persoas que utilizan cadeira de rodas.

A obra ampliará en máis de 215 metros cadrados a superficie cuberta da entrada. O novo espazo permitirá acoller autobuses de ata 15 metros de lonxitude e deixará sitio arredor dos vehículos para que as persoas usuarias e o persoal de apoio poidan moverse a cuberto durante a chegada ao centro e o regreso á casa.

A entidade prepara o seu 50 aniversario

Durante o encontro, Valentín González Formoso e Carmen Barreiro Santos conversaron tamén sobre as actividades que prepara ASPACE Coruña para celebrar en 2027 o seu 50 aniversario. Fundada en 1977, a asociación foi pioneira en Galicia na atención ás persoas con parálise cerebral e conta en Osedo cun centro de día, un centro educativo e dúas residencias.